12/12/2021
O escultor Acisclo Manzano aprendeu a tallar madeira no Hospital de Piñor
Sociedade en Barbadás

- O artista polifacético Acisclo Manzano naceu, coma os seus tres irmáns, en Ourense, cidade á que marchou a súa nai despois de casar. En 1952, cando tiña 12 anos, foille diagnosticada unha infección que finalmente non padeceu pero que o levou ao Hospital Antituberculoso de Piñor, tal como era coñecido.
- “Naqueles seis meses que pasei no hospital aprendín a facer porta-retratos coas caixas de puros e utilizando as navallas de afeitar para tallar aquela madeira”, lembra.
E segue a tallar madeira, a punto de cumprir 81 anos.
- “Teño por costume celebrar cada década da miña vida cunha exposición e a dos 80 non puido ser pola pandemia pero agora teño que vivir alo menos até os 90 para celebrala nese momento”, explica. A súa idea é que sexa de pezas de madeira porque é un material que leva anos sen traballar e quere volver ás súas orixes.
- Cando teña a mostra lista, gustaríalle que fora das de “tocar e levar” (regalar a cada visitante a obra que lle gusta) como agradecemento á escultura, arte á que leva adicado toda a súa vida, en diferentes materiais. “E as ganancias económicas sempre foron para poder seguir facendo este traballo”, agrega.
- Traballa xa nesa exposición porque quere deixar en madeira o legado polo que quere ser lembrado. “Igual xa a teño feita pero non sei se será esa a que me represente, a que resuma todo o meu traballo, pero non estou preocupado porque teño por diante 9 anos para facela ou dar con ela”, relata cun sorriso.
O “cirurxián da madeira”, segundo Otero Pedrayo
- Para falar da súa obra, Acisclo fai referencia ao que outros dixeron dela, como o artista vasco Jorge Oteiza que se referiu a ela como “obra que hace viajar porque toda ella es geografía”.
- Tamén lembra conversas con Vicente Risco, na que o intelectual falaba da arte. “Dentro dunha árbore existe un espírito chamado comadriada que baila e móvese nela, e seica eu liberaba ese espírito” detalla.
Sobre isto mesmo, “don Ramón” (Ramón Otero Pedrayo) dicía de Acisclo que é “cirurxián da madeira”.
- Na experimentación artística de Acisclo hai talla de madeira, obras de ferro cortén (no que traballa agora para un proxecto que non pode desvelar), obras de porcelana e outro dos seus proxectos pendentes de remate, debuxos …
- En 2008 entrou na Real Academia de Belas Artes de Galicia cun discurso arredor do seu amigo e artista Xaime Quessada co que formaba parte do grupo “O Volter”. Na súa longa e inacabada traxectoria artística, foi parte do grupo de “Sete artistas galegos” .
- “Eu era o máis novo de todos eles, e hoxe son o maior porque moitos xa non están”, relata durante a visita a Piñor e os lugares da súa infancia.

A súa nai era de Piñor
- Acisclo ten en San Lourenzo de Piñor non só os seus inicios como tallista, senón parte da súa historia familiar: súa nai viviu en Piñor até que casou, e alí está enterrada nun panteón familiar no que Acisclo engadiu unha cruz obra súa.
- “Eu mesmo teño alí meu lugar de descanso” engade, e lembra que en varias épocas, foi cada domingo a levar flores á sepultura materna.
- Seu pai tiña os seus antepasados en Euskadi e está soterrado no cemiterio Histórico de San Francisco (Ourense).
- “A miña nai viña continuamente a Piñor, porque a familia tiña propiedades e ela recollía patacas e fariña, e para baixalas a Ourense tiña que pasar por un fielato no que lle pedían contas e ela dicía que ía pasear o neno no seu cochiño de capota, así que, de recén nacido, eu daba ese paseo deitado nun colchón que tiña comida debaixo”, relata divertido segundo o que lle contaba a súa nai.
- A súa familia é grande e dispersa e neste momento, só sabe dunhas primas de apelido Solves, que viven no barrio da Ponte. Pero tamén está emparentado cos que levan os apelidos Lloves, Faílde e Escalera.
- “Miñas lembranzas de infancia están tamén no campo de Roma, porque viña ás casas dos tíos David e Bautista, e na casa da mina nai, a que ten un escudo antes de chegar até o Pazo de Piñor, e de alí me contaban a lenda de que había un tesouro agochado e que levantaron por partes aquela casa e non deron con el, pero unha persoa que a mercou despois debeuno atopar porque vivía en Ourense a todo tren”... e máis risas de Acisclo.
- O seu tío Bautista marchou para Vigo e Acisclo sempre tivo contacto con el e coa súa muller a tía Dolores da que lembra que sempre “tiña caldo na casa, aínda que xa non vivía no rural”.
- A vida de Acisclo volcouse en Ourense e en San Cristovo de Cea, onde ten a súa vivenda nunha das aldeas. Os traballos lévano a moitos e diferentes lugares da xeografía galega e máis alá pero en Barbadás apenas ten obra: unha cruz na sepultura da súa nai e murais nunha vivenda particular na subida cara Piñor.
- E segue a traballar… os seus proxectos actuais terán o seu espazo en diferentes lugares da provincia de Ourense, cerca de Santiago de Compostela… e non pode contar máis. Poderedes mantervos ao día se o seguides nas redes sociais, tanto en Facebook como en Instagram.
- E parte da súa obra podedes descubrila nas rúas de Ourense, nas que comparte espazo con outros autores por un proxecto que hai anos puxo a arte fóra de galerías e museos e alí segue.
