01/04/2022

O escultor José Manuel Pateiro crea un “Ícaro” e pinta cada día en Parada de Piñor

Sociedade en Barbadás

Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor.
  • O pintor e escultor de Parada de Piñor José Manuel Pateiro Guede retomou o seu traballo nunha pedra monumental da que está a saír Ícaro e o seu pai Dédalo, dous personaxes mitolóxicos gregos que fuxiron dunha torre na que estaban presos despois de construír ás con plumas de paxaro pegadas con cera dunha candea.

 

  • Esta “peza”, segundo nos contou Pateiro, está comezada dende hai 15 anos e retomouna hai uns meses e non parará ata rematala. Cando o faga, espera que o destino da imaxe non quede lonxe “para non perdela de vista” como ocorreu ata agora coas que fixo antes.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor. 30/03/22. Foto Rosa Veiga
  • Entre elas a escultura da “Familia” da rotonda central da Valenzá, cuberta por pancartas, cores, luces e o “atrezzo” necesario para moitas celebracións do calendario anual, e tamén a de “Píramo e Tisbe”, os amantes de pedra que poder verse no barrio da Ponte, no xardín que está onde remata a Ponte do Milenio.

 

  • “Non traballo nunca por encargo, e cando remato as obras alguén se vai interesando e as leva”, detalla Pateiro nun descanso do seu “traballo”. “Dende pequeno gústame debuxar e por ese motivo estudei Formación Profesional para ser Delineante, na Farixa, aínda que nunca traballei como tal, pero nunca deixei de debuxar”, relata.

 

  • Do debuxo pasou á pintura e desta ata a pedra. “Meu pai era canteiro así que coñecía as ferramentas e o material e comecei a traballalo. Agora pinto con óleo e esculpo, sempre despacio, pero todas as  tardes”, confesa.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor. 30/03/22. Foto Rosa Veiga
  • A primeira escultura que fixo era un home atado a unha columna “de tamaño natural”, e está ben  preto da súa casa en Parada de Piñor.
    A seguinte é a de “Píramo e Tisbe”, da que fixo un bosquexo en papel e despois en terracota. “Amoseina no concello de Ourense e pedíronma así que fíxenas finalmente en dous bloques de pedra”.

 

  • A terceira ía ser a figura dun home sentado “como unha especie de estudo anatómico” e cando estaba comezado, o falecido Recaredo Paz  viuna e quixo que a adaptara para o xardín diante do edificio da asociación Aixiña. , e alí está.

 

Sete meses con cada pedra

  • A idea inicial de Pateiro é traballar co cincel para el mesmo, e faino con calma, así que cada un dos seus traballos leváronlle entre 7 e 8 meses. A poucos metros do “Ícaro” sen rematar, está “Job” xa finalizado.

 

  • A escultura do novo Ícaro acompañado do seu pai o escultor Dédalo, ten lecturas diferentes e hai que percorrela en círculo para descubrir os diferentes elementos, incluído un relevo do Minotauro da illa de Creta. “Están pai e fillo no momento de preparar as ás, un momento importante que lles vai cambiar a vida, coas súas consecuencias, e saben que o teñen que facer para librarse do Minotauro, aínda que sexa unha decisión que lles reborde”.

 

  • Pateiro comeza cada tarde (despois do seu traballo das mañás) co martelo e cincel nas mans, diante do bloque de pedra, e remata o día diante do lenzo, ultimamente diante da pintura dunha muller asomada a unha xanela e os xogos de reflexos e sombras arredor dun neno.

 

  • “Hai anos fixera unha exposición no desaparecido café Isaac e despois comecei con estudos anatómicos tamén baseados en retratos de amigos e coñecidos a partires de fotos súas”, explica o pintor-escultor.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor.
Cadro a partir dunha fotografía. na casa do escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor. 30/03/22. Foto Rosa Veiga
  • Na súa casa, lenzos, pinturas, disolventes, pinceis, pedras xigantes e ferramentas de canteiro- escultor ocupan espazos interiores e exteriores, onde tamén poden verse obras acabadas como a do santo “Job” e cadros en escaleiras e  muros con nenos xogando.

 

  • Un dos seus fillos xa experimenta tamén nas dúas disciplinas.

 

Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor.
Escultor e pintor José Manuel Pateiro Guede, en Parada de Piñor., no traballo de Ícaro e Dédalo 30/03/22. Foto Rosa Veiga

 

 

 

 

 

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1713597804

SINGLE.1713597804