01/03/2024

O Goberno apoia a demanda de Barbadás e insta á Xunta a cumprir a súa promesa do transporte metropolitano

Seis anos pasaron xa dende que o Concello de Barbadás aprobou nun pleno extraordinario as ordenanzas que esixiu a Xunta de Galicia para instaurar o transporte metropolitano sen que se deran pasos en firme para facer realidade esta demanda histórica dos veciños e veciñas. Así o trasladou esta mañá o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, nunha reunión mantida co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que deu todo o seu apoio a Barbadás e instou á Xunta de Galicia a cumprir “co seu compromiso cos ourensáns”. Ao encontro tamén asistiron o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade.

O rexedor agradeceu a visita do delegado do Goberno en Galicia, a segunda dende o mes de outubro, e o seu apoio para que o transporte metropolitano chegue a Barbadás: “Este servizo existe no resto de cidades pero a Xunta de Galicia ten a Ourense abandonada e mentres tanto o Concello de Barbadás gasta 100.000 euros ao ano en bonificacións para o transporte en autobús”.

Referiuse o alcalde á bonificación xeral do 37%, ao 55 % no caso dos estudantes e ao 48% para os pensionistas. A viaxe é gratuíta para as persoas en risco de exclusión social. “Esta comarca move 150.000 veciños e estamos abandonados pola Xunta de Galicia. Esiximos que dunha vez por todas nos dean unha solución definitiva. Esiximos que o novo Goberno autonómico se poña a traballar urxentemente para desbloquear esta situación”, engadiu Xosé Carlos Válcárcel. Crecemento económico, mellora da mobilidade ou o asentamento da poboación son só algunhas das vantaxes que o alcalde asegurou que tería a posta en marcha do servizo.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reclamou á Xunta de Galicia “que cumpra cos seus compromisos coa provincia de Ourense e desenvolva “un transporte metropolitano do século XXI que dea servizo ás necesidades reais da poboación”. Tamén destacou os 23 millóns de euros investidos polo Goberno para os descontos no bus metropolitano e lamentou “que a Xunta de Galicia llos negue aos ourensáns”. Insistiu en que “Barbadás forma parte dunha área metropolitana cunha gran demanda histórica, polo que pedimos á Xunta que cumpra os seus compromisos con Ourense e permita aos veciños de Barbadás e da área metropolitana contar cun servizo moi demandado”.

Novas

CONTENT.1731184615

SINGLE.1731184615