21/06/2024

O goberno de Barbadás aproba definitivamente os orzamentos con maioría absoluta ao sumar o voto de Partido Galego

A Corporación de Barbadás aprobou de forma definitiva e con maioría absoluta os seus orzamentos para o ano 2024. Foi no pleno extraordinario celebrado esta mañá e no que o goberno local ampliou o respaldo aos presupostos ao sumarse a súa aprobación o Partido Galego, que se abstivo na votación inicial. As contas, que son as máis altas da historia do concello, ascenden a un total de 8.494.083 euros e contemplan un incremento da inversión do 257% e esta supera o millón de euros.

Na sesión desta mañá os orzamentos saíron adiante de forma definitiva  co voto a favor do PSdeG e dos concelleiros de Democracia Ourensana e Partido Galego. Votaron en contra o Partido Popular e o BNG. Rexeitáronse as enmendas presentadas por este último partido por un defecto de forma e ao non pasar pola comisión correspondente á que non asistiu o voceiro nacionalista. Segundo explicou o rexedor “o BNG chega tarde e mal ao debate dos orzamentos por presentar enmendas en lugar de alegacións, que ademais non pasaron por comisión ao non asistir o  representante deste partido”.

No orzamento tamén se contempla un aumento da partida de persoal para actualizar os soldos dos empregados municipais á Relación de Postos de Traballo (RPT). Os gastos de persoal experimentan un incremento de 342.421 euros na súa dotación con respecto ás contas do exercicio 2022 e este aumento corresponde a diferentes variables.

En primeiro lugar, a situación de prórroga orzamentaria durante o ano 2023 implica o recoñecemento do aumento nunha anualidade da cuantía que habería de reflectirse de xeito escalonado nos anos 2023 e 2024. Ademais, no exercicio 2024 prevense as subas salariais aprobadas polo Goberno de España e nas respectivas Leis de Orzamentos vixentes ao longo deste período.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, asegurou que os tributos que se pagan no concello de Barbadás son os mínimos permitidos pola lexislación estatal e que o tipo impositivo do IBI é o máis baixo que permite a lei e o máis baixo da contorna. Hai dez anos que non se suben as taxas a pesar do incremento do IPC e a taxa de desemprego sitúase por debaixo das 300 persoas, o que incluso impide acceder a determinadas subvencións.

 

Novas

CONTENT.1728535281

SINGLE.1728535281