10/09/2024
O goberno local denuncia que a carencia dun instituto obriga a centos de alumnos a desprazarse ata 10 quilómetros para ir a clase
Un novo curso escolar comezará mañá sen que os mozos e mozas de Barbadás conten cun instituto no seu concello. Trátase do único municipio galego de máis de 10.000 habitantes que carece del e son centos os alumnos e alumnas os que teñen que desprazarse a diario. Por este motivo, os concelleiros e concelleiras do goberno local participaron esta mañá nun acto reivindicativo ao carón da ponte do Parque dos Patos, no solar xa cedido á Xunta de Galicia para a construción do centro.
Neste mes de setembro tamén se cumpren 15 anos da firma do protocolo de inicio das obras do IES de Barbadás por parte do entón conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. “No lugar no que debería haber un instituto non temos nada, salvo o recordo do engano masivo que supuxo aquela sinatura do que había que chamar protobulo, pois aquel mismo día anunciáronse 12 unidades de ESO, 2 de Bacharelato, unha inversión de 4.691.350 euros e o inicio das obras para po primeiro semestre de 2010”, asegurou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
O Concello axuda economicamente ás familias en canto ao transporte dos alumnos e alumnas que deben desprazarse a outros concellos para estudar e incluso se financia un taxi naqueles casos nos que os mozos e mozas viven no rural e non teñen acceso ao autobús. A día de hoxe, centos de rapaces e rapazas de Barbadás seguen desprazándose cada día ao IES Ferro Couselo, na cidade de Ourense, a entre 7 e 10 quilómetros de Barbadás en función do lugar do residencia de cada alumno, para cursar os seus estudos de secundaria e Bacharelato.
Na actualidade en Barbadás, unha das vilas que máis medra en Galicia e cunha das poboacións más movas, están empadroados 700 mozos e mozas en idade de cursar ensino secundario ou bacharelato. O alcalde insistiu en que “sufrimos unha inxusta e inexplicable discriminación educativa por parte do actual e anteriores gobernos galegos porque tamén somos o único concello de Galicia con máis de 10.000 habitantes (11.171 exactamente) que carece dun instituto”. Dende o Concello solicitáronse reunións co presidente da Xunta ata en catro ocasións para tratar este tema sen que houbese resposta.
Cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado 1 de xullo a Corporación de Barbadás xa alzou a voz ante esta demanda histórica. “Estamos dispostos, como sempre estivemos, a colaborar no que sexa preciso, mesmo a contribuír na medida das nosas posibilidades, pero Barbadás non se merece un desprezo coma este, que se prolonga xa por espazo de 3 lustros”, engadiu o rexedor.
A concelleira de Educación, Marga Pérez, asegurou que “hoxe non estaríamos aquí se a Xunta de Galicia se preocupase realmente pola educación” e insistiu na importancia de que Barbadás conte cun instituto para que a poboación se siga asentando no rural, “porque hai que ofrecerlles os servizos e hai que coidar estas zonas”.