08/09/2026

O goberno local presenta o Plan de Obras de 2026, o máis ambicioso da historia de Barbadás cun esforzo inversor de 3,3 millóns de euros

  • As actuacións están dirixidas a mellorar servizos como infraestruturas deportivas, estradas e vías, zonas verdes ou parques infantís
  • “É unha satisfacción presentar este plan, que dá conta do traballo duro realizado polo goberno municipal nos últimos meses”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
  • “Este é un investimento moi por riba da media dos concellos galegos, no que tamén colaboran outras administracións como Xunta ou Deputación”, detallou o tenente alcalde, Daniel Rey

O goberno local de Barbadás vén de presentar o Plan de Obras de 2026, o máis ambicioso da historia do concello ao contar cun investimento total de 3,3 millóns de euros. “É unha satisfacción amosar este plan, que dá conta do gran esforzo realizado polo goberno municipal nos últimos meses”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación ante os medios de comunicación en Finca Fierro. O rexedor fixo unha mención especial ao traballo de Daniel Rey, tenente alcalde e responsable de Obras. 

Valcárcel puxo en valor as intervencións previstas, dirixidas a mellorar infraestruturas deportivas, estradas e camiños, beirarrúas, locais municipais, iluminación, seguridade peonil ou zonas verdes, entre outras áreas. “Haberá investimentos en practicamente todas as zonas de Barbadás, xa que queremos que repercuta directamente na nosa poboación”, destacou o alcalde, quen agradeceu a colaboración de administracións como a Xunta e a Deputación.

Entre outras actuacións, destacou a ampliación do polideportivo municipal (1,2 millóns de euros), a pavimentación de calzadas en diversos puntos do municipio (300.000 euros), a creación dun refuxio climático na Praza do Campo de Loiro (120.000 euros), a instalación de velas de sombra en parques infantís (60.000 euros) ou a mellora da eficiencia enerxética do local de Protección Civil (50.000 euros).

Pola súa parte, Daniel Rey insistou no importante esforzo inversor realizado por parte do Concello: “Estes 3,3 millóns de euros supoñen un investimento en obras moi por riba da media dos concellos galegos, e aínda que contan coa colaboración de outras administracións, Barbadás participa con recursos propios en todas as obras”. 

Nesta liña, o tenente alcalde recordou que en Finca Fierro estase a realizar a mellora do pavimento en colaboración coa Deputación. “O servizo de vías e obras pon a maquinaria e a man de obra e nós, o material”, detallou. 

Rey tamén recalcou o esforzo realizado polo goberno local, ademais de agradecer o “traballo constante” do funcionariado municipal e a colaboración da veciñanza. “Estivemos escoitando activamente á poboación para saber cales eran as necesidades máis importantes de Barbadás, e iso estamos facendo, intentar cubrir as demandas existentes”, apuntou. 

As preto de 30 liñas de actuación incluídas no Plan de Obras, das que unha parte xa está finalizada, estarán rematadas ao 100% antes de que termine o ano, según a previsión do goberno local. 

Novas

CONTENT.1791709115

SINGLE.1791709115