05/03/2025
O Gran Desfile de Barbadás congrega a milleiros de persoas na avenida de Celanova

- OurenPrix, Concert for Peace Putin y Zelenski al piano, Vikingos Locos O Fonsillón e Stolas, gañadores do Gran Desfile
- Na categoría de Mecos resultou vencedora a Asociación de Veciños San Bieito de Bentraces
O Gran Desfile de Barbadás concentrou este martes a milleiros de persoas na avenida de Celanova da Valenzá. Durante dúas horas, o público gozou da ampla variedade de propostas entroideiras que participaron na actividade, impulsada polo Concello de Barbadás.
Medio cento de comparsas e grupos deron conta da súa creatividade e espírito festivo con disfraces e carrozas de todo tipo: dende Trump ou o rei emérito ata os exipcios, os piratas ou os flamencos. Os integrantes da corporación municipal tamén se sumaron, ataviados de cazafantasmas á cabeceira do Gran Desfile.
Gañadores
A entrega de premios aos gañadores do Gran Desfile do Entroido de Barbadás puxo o colofón final á xornada do martes. O xurado, presidido pola concelleira Ana Peleteiro, estivo conformado por Xabier Teixeira, Jesús Rodríguez, Paula Rodríguez, Manuel Álvarez, María Purificación Montes e Santino Fidalgo (este último, como secretario).
Os vencedores, por categorías, foron os seguintes:
- Premios Mecos:
- Asociación de Veciños San Bieito de Bentraces (300 euros)
- María Belén Fernández Muñiz (200 euros)
- Asociación de Veciños San Martín de Loiro (100 euros)
- Premios Gran Desfile:
- Individuais:
- Stolas (200 euros)
- Parellas/tríos:
- Concert for Peace Putin y Zelenski al piano (300 euros)
- Bitelchus Bitelchus (150 euros)
- O Moucho e a Lechuza (100 euros)
- Comparsas:
- OurenPrix (1.000 euros)
- Cinema As Lamas (750 euros)
- O Patio dos Lolailos (550 euros)
- Circo Estilo Libre (300 euros)
- Carrozas:
- Vikingos Locos O Fonsillón (1.000 euros)
- Fantasía Ártica (750 euros)
- Barbie Premium de Extrarradio (550 euros)