23/10/2021

O hospital psiquiátrico de Piñor leva a súa arte a Europa

Sociedade en Barbadás

  • O equipo de psiquiatría do hospital de Piñor e os seus pacientes (os históricos e os actuais) forman parte da proposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) seleccionada pola Comisión Europea como socio para deseñar   “futuras maneiras de vivir na encrucillada entre arte, cultura, inclusión social, ciencia e tecnoloxía”. A iniciativa chámase La Nueva Bauhaus e, nun esforzo colectivo, quere “imaxinar e construír un futuro sostible, inclusivo e fermoso para a mente a para a alma de tod@s”.

 

  • A xefa da sección de Psiquiatría e responsable clínica do hospital, Chus Gómez Rodríguez, falounos do vello soño do equipo sanitario “de recuperar e dar visibilidade ás obras dos doeentes que foron atendidos no vello psiquiátrico de Toén”.

 

  • Ela mesma comezou a traballar naquel hospital en maio de 2005, e aos poucos meses, xa na xefatura, tratou de “dignificar”  o espazo e o traballo.

 

  • En 2012 pacientes e equipos foron trasladado ao hospital de Piñor donde a psiquiatra Alcira Cibera e o terapeuta ocupacional Martín Estévez, iniciaron o traballo de recoller tódalas obras artísticas realizada en Toén “e de xeito altruísta,   fotografaron e catalogaron cadros, esculturas, maquetas e todo tipo de creacións, tamén escritas, pois loucura e literatura están tamén relacionadas”.

 

  • As obras estaban no taller ocupacional do vello hospital “e ciscadas por corredores e cuartos da instalación”,  foron reunidas en caixas e gardadas no “novo” hospital de Piñor (hoxe están na capela).

 

“Arte Espida” para humanizar

  • “A chegada da psicóloga Marta García, na súa etapa de rotación, despertou aquel desexo noso de poñer en marcha o proxecto global Arte Espida para dar a coñecer a arte que estabiliza a estas persoas, sen formación artística de tipo académico”, relata Chus.

 

  • Lembra que antes da pandemia, Marta (que tamén é historiadora da arte) puxo en marcha un espazo diferente os talleres ocupacionais pero de “creación libre e voluntario”, coma tódolos talleres dos doentes, e tentouse, coa xerencia sanitaria, destinarlle un espazo na primeira planta do hospital, que estaba baleira… pero chegou a pandemia e esa primeira planta do hospital destinouse a acoller e tratar a enferm@s de COVID durante varios meses.

 

  • A idea era instalar un museo permanente, un espazo de creación “guiado por Marta” e unha sala audiovisual para conferencias na que amosar estas creación ós cidadáns e para invitar aos artistas. O proxecto foi premiado cun accésit nun concurso sanitario de humanización , e xurdiu a proposta de levalo a unha convocatoria europea.
HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE PIÑOR (BARBADÁS): CHUS (MARÍA JESÚS) GÓMEZ, XEFA DE SECCIÓN DE PSIQUIATRÍA E RESPONSABLE CLÍNICA DO HOSPITAL. 20/10/2021. FOTO ROSA VEIGA

Pronto exposición no Marcos Valcárcel

  • A xerencia sanitaria contactou con centros sanitarios de toda Galicia e resultou que este proxecto noso é o máis potente,así que foi incluído no programa presentado polo Sergas (único servizo de saúde europeo que figura como socio en La Nueva Bauhaus )” explica Chus, que concreta ademáis que de saír seleccionado finalmente,  poderíanse facer reformas na contorna do hospital para construír un museo exterior e, por exemplo, no actual espazo de aparcamento “un espazo de creación con madeira e cristal, con vistas privilexiadas sobre a cidade de Ourense”.

 

 

  • “A comisaria veu persoalmente ao hospital para preparala, levou 20 obras e dixo que en Barbadás temos unha das mellores compilacións deste tipo de arte de toda España, lembrou Chus.

 

  • A seguinte exposición está prevista no segundo semestre de 2022 no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Os traballos de selección das obras comezarán en breve, aparte da organización de encontros e conferencias arredor da creación vencellada á psiquiatría.

 

A vida dos doentes psiquiátricos segue

  • De xeito cotiá, unhas 115 persoas (persoal sanitario e de servizos de mantemento incluídos) ocúpanse das 69 persoas das unidades de atención continuada, media estancia e longa estancia, e das 70 consideradas “poboación flotante”. Ao cabo do ano, segundo Chus, o dinamismo propio da vida neste hospital dá un dato de ingresos e altas case exactamente iguais: 286 e 287 respectivamente, sen lista de espera.

 

  • “Para nós o éxito está en que cada persoa que chega dende o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) reciba a atención que precisa para ser autónoma e poida marchar canto antes, sabendo que pode contar con nós e mellor se non nos necesita”, desexa a responsable clínica.

 

  • Para esa atención especializada, os doentes chegan dende a Unidade de Agudos do CHUOU e teñen en Piñor un equipo de 4 psiquiatras e psicólog@s, 2 terapeutas ocupacionais, 2 traballadores sociais, 2 coordenadores de enfermería, auxiliares e os cans Alma e Curro, animais de compañía que axudan a “dulcificar e dar aire máis familiar a este lugar de atención multidisciplinar e o menos institucionalizado posible”, agrega.

 

  • Para definir a actividade deste hospital “aberto”, a súa responsable clínica escolle a palabra “hospitalidade”, e destaca que é un lugar agradable no que viven durante un tempo algunhas persoas, ingresadas ou non, para as que se busca o mellor en cada momento, de xeito que a atención de todo o equipo “adáptase a elas e non ao revés”.

 

  • Todos eles poden partillar o seu tempo entre a biblioteca, ximnasio, cine, actividades de mañá ou de tarde, talleres ocupacionais… e o blogue propio dos doentes O candil sen luz .

 

  • Se aludimos a un posible listado de necesidades, Chus explica que a Unidade de Coidados Especiais, cos casos máis graves e que requiren atención continuada, xera unha enorme carga emocional e laboral para a que se requiriría, a maiores, unha psicóloga e “moitas máis enfermeiras”.

 

O Tangaraño é o favorito nos paseos

  • O terapeuta ocupacional Martín Estévez, cóntanos que a relación coa contorna do hospital céntrase nas saídas, das que a preferida é a que ten como destino o Tangaraño, preto do San Bieito de Cova de Lobo.

 

  • “Durante o verán fomos alí unha vez ao mes, e gustaríanos plantexar andainas abertas a quen queira participar con nós, tanto nas zonas máis urbanas do concello como nas paisaxísticas que temos arredor”, detallou. Destacou a disposición dos veciños de Bentraces para contar con eles na andaina que fixeron até Loiro: “gustou moito e quedaron gañas de facer cousas así que nos facilitan traballar cos doentes doutro xeito e fuxir da vida hospitalaria”.

 

  • Martín coñece o proxecto dos roteiros literarios arredor dos lugares de Piñor nos que viviu e pasou moitos veráns a escritora Carmen Martín Gaite e pensa integralos nas actividades polo vecindario.

 

  • Dentro do hospital, teñen talleres de informática, artes plásticas,  cociña, lavado de ropa, invernadoiro, músico-terapia . As paredes e recunchos de corredores e despachos aparecen cheos de cores, colaxes de texturas, avións e flores de papel…  e vexetais secos entretecidos, rescatados nas saídas pola contorna, e fundamentais para a actividade artística neste hospital.
EQUIPO SANITARIO DA SECCIÓN PSIQUIATRÍA HOSPITAL PIÑOR (BARBADÁS). 20/10/2021. FOTO ROSA VEIGA

Sen COVID entre os doentes

  • Historia aparte tería que ser a dos meses de pandemia, dende o día 2 de abril de 2020 até xuño dese ano, nos que a primeira planta de Piñor destinouse a enfermos de COVID. Iso obrigou ós habituais residentes a trasladarse ao edifico de exercicios espirituais do barrio de Vista Fermosa (Ourense).

 

  • Ese traslado temporal obrigou a readaptar rutinas nun lugar novo que tivo que transformarse en espazo terapéutico. Para Chus, ese período no que foi fundamental “inventar cada día” amosou “unha vez máis que a mellor tecnoloxía deste hospital é a calidade humana dos traballadores”.

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1730745130

SINGLE.1730745130