10/04/2025
O legado de Carmen Martín Gaite dá comezo ao Mes do Libro en Barbadás

- A Biblioteca Pública conta cunha exposición adicada á escritora e regala aos usuarios axendas literarias deste 2025, ano Carmen Martín Gaite
- O espazo cultural convida á poboación a participar nun bookface colectivo
A Biblioteca Pública de Barbadás dá o pistoletazo de saída da programación cultural do Mes do Libro. O Concello busca deste xeito celebrar e poñer en valor o papel da literatura ao longo de abril, sen limitarse ao festexo puntual do Día do Libro (23 de abril). Así, nas próximas semanas haberá contacontos, postos de librerías, teatro de monicreques ou exposicións.
Este 2025 celébrase o Ano Carmen Martín Gaite co gallo do centenario no seu nacemento, polo que a pegada da escritora estará moi presente nas actividades previstas ao longo destas semanas. Nesa liña, as instalacións da Biblioteca contan cunha mostra adicada á autora, na que se fai un pequeno repaso pola súa obra e pola súa especial relación con San Lourenzo de Piñor. Cabe destacar que o Concello de Barbadás impulsa desde 2023 un paseo literario por Piñor, guiado polo investigador David González.
Por outra banda, aquelas persoas que realicen préstamos na Biblioteca durante este mes recibirán un regalo moi especial: a axenda 2025 “Piñor, lugar literario”, na que se inclúen citas, reflexións da escritora e fragmentos das súas obras.
Bookface colectivo
A Biblioteca de Barbadás convida á veciñanza a participar na elaboración dun bookface colectivo. Esta técnica creativa, cada vez máis estendida, consiste na toma dunha fotografía na que a cuberta dun libro se funde co contexto que o rodea (sexa unha persoa, un espazo, un animal…).
As persoas interesadas en participar poden enviar as súas imaxes á dirección de correo biblioteca@barbadas.es ata o próximo día 21 de abril. O persoal municipal elaborará un vídeo a partir das fotografías compartidas pola veciñanza que posteriormente se compartirá nas redes.