14/03/2024
O Ministerio de Cultura aliarase co Concello para impulsar dende Barbadás e para o mundo a figura universal de Martín Gaite
Que Carmen Martín Gaite, escritora universal, gañadora do premio Príncipe de Asturias e unha das plumas máis recoñecidas en lingua española, teña o lugar que se merece en Barbadás. Este é o obxectivo que levou ao Concello a elaborar un proxecto que erixirá a Piñor na capital do universo literario e vital da escritora. A iniciativa xa conta co respaldo do Ministerio de Cultura.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, reuníronse esta mesma semana co secretario de Estado de Cultura, Jordi Martí, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez. O encontro foi moi positivo, xa que o Ministerio manifestou a súa aposta por ensalzar a figura de Martín Gaite, especialmente no seu centenario, e con San Lourenzo de Piñor como epicentro.
A través de subvencións e convenios de colaboración levaríanse a cabo as seguintes actuacións: Creación dun cómic divulgativo sobre a infancia de Carmen Martín Gaite en Piñor; elaboración das unidades pedagóxicas “Piñor, o nacemento dunha escritora”; organización dunha exposición itinerante exterior e a elaboración de recursos divulgativos do espazo de recepción cun holograma no centro social do campo de Roma para contextualizar ao visitante na singularidade de Piñor na vida e obra da autora. Tamén recursos dixitais, visitas guiadas e de escolares, entre outras propostas.
No encontro, o rexedor insistiu en que “se trata dunha aposta pola cultura e por unha autora universal e feminista que foi traducida a múltiples idiomas, tendo en conta que plasmou as vivencias da súa infancia en Piñor”.
A tenente de alcalde e impulsora deste proxecto para ensalzar á escritora que cobra forza co apoio do Ministerio de Cultura, Victoria Morenza, asegurou que “dende o Ministerio mostráronse moi receptivos para colaborar con esta iniciativa do Concello de Barbadás e seguiremos traballando para que no seu centenario Carmen Martín Gaite sexa homenaxeada como merece ”.
Roteiros e cursos literarios
Paralelamente, o Concello de Barbadás sumará esforzos coa UNED para realizar roteiros e cursos literarios que erixirán a Piñor na capital do universo vital e literario dunha escritora universal e unha das plumas más recoñecidas en lingua española e, ao tempo, máis descoñecida en Ourense pese aos seus estreitos vínculos con Piñor, un lugar que ocupa un lugar central na súa vida e na súa literatura.