15/05/2025

O Museo da Gaita de Fole percorre os centros educativos para festexar as Letras Galegas

Museo da Gaita
  • O músico e artesán Pablo Martínez visitou esta semana o CEIP Filomena Dato e o CEIP As Mercedes para achegar os instrumentos tradicionais aos máis pequenos
  • A actividade está enmarcada na celebración do Día das Letras Galegas, adicado este ano ás cantareiras

O Museo da Gaita de Fole de Barbadás, referente internacional no ámbito da música tradicional, súmase á celebración das Letras Galegas achegándose aos centros educativos e dando a coñecer a nosa cultura oral entre as novas xeracións. Esta semana, o músico e artesá Pablo Martínez visitou o CEIP Filomena Dato (Barbadás) e o CEIP As Mercedes (Ourense) co obxectivo de amosar a riqueza da música e tradición popular galega. 

As visitas, que se estenderán durante todo o mes de maio por distintos colexios da provincia, inclúen unha actividade didáctica na que o alumnado coñece os instrumentos galegos (desde a gaita, símbolo identitario do noso patrimonio musical, ata o bote de pementón, a tixola, as cunchas, a táboa de lavar ou a botella de anís). 

Os participantes poden así descubrir e experimentar cos instrumentos cotiás que foron empregados historicamente como percusión popular. Estes obxectos foron ferramentas musicais nas mans das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas, o que amosa o vínculo entre a vida e a cultura do pobo galego. 

O alumnado do Filomena Dato e das Mercedes participou activamente nesta proposta, aprendendo ritmos, tocando os utensilios e cantando pezas tradicionais nun ambiente lúdico e educativo. A actividade foi especialmente valorada polo seu enfoque inclusivo, interxeracional e pola posta en valor da muller como transmisora da nosa tradición oral e musical.

Desde o Museo da Gaita, o equipo destaca a importancia de continuar con este tipo de accións divulgativas. “Achegar o noso patrimonio cultural ás aulas é fundamental para garantir a súa continuidade e fomentar o orgullo pola nosa identidade”, sinalan os responsables da iniciativa.

Programación Letras Galegas

A programación de actividades co gallo das Letras Galegas continúa en Barbadás cos Cantos de taberna (este venres, a partir das 18,00 horas en diversos establecementos hostaleiros da Valenzá) e coas Contadas no parque (esta tarde é a segunda cita, neste caso guiada pola actriz Sabela Gago de Sarabela Teatro). 

O sábado, Día das Letras Galegas, levarase a cabo unha especial homenaxe ás cantareiras e á poesía popular con concertos e exposición fotográfica no parque da Solaina. O día 24 festexarase a IV Foliada no parque dos Carrís, na que participarán diversos grupos de música tradicional, como Fiandola, Vagalumes, Velai Vai, Pandereteiras de Seixalbo, Picafoles ou Cantares da Cunha. Ademais, haberá xantar popular.

Novas, Turismo

CONTENT.1750526096

SINGLE.1750526096