24/11/2023
O Obradoiro de Emprego Concellos Rurais acondicionará o parque da antiga escola de Bentraces e o lavadoiro público
“Hoxe máis que nunca necesítanse profesionais ben formados e esta é unha gran oportunidade para acceder ao mercado laboral”. Con estas palabras o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, alentou aos alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Concellos Rurais que foi presentado esta mañá no Centro Empresarial Transfronteirizo. Ademais dos rexedores de Barbadás, Toén, Castrelo de Miño e o tenente de alcalde de Taboadela, ao acto asistiron a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e o concelleiro de Recursos Humanos e Formación, José Manuel Morgade, quen tamén presentou a iniciativa.
Unha vintena de alumnos e alumnas traballadoras súmanse a esta iniciativa que lles permitirá formarse nos certificados de profesionalidade “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” e “Fábricas de Albanelería”. En total serán 1.920 horas teórico-prácticas que favorecerán a inserción laboral dos participantes.
En canto as actuacións que se levarán a cabo no concello de Barbadás, acometeranse as obras de acondicionamento e reforma nun parque da antiga escola de Bentraces; a mellora paisaxística nun parque de Currás: a mellora dunha zona do parque baixo da rúa Areal; o mantemento de zonas verdes das distintas parroquia e o acondicionamento do lavadoiro público de Bentraces.
En Castrelo de Miño, realizarase o acondicionamento dos accesos ao Castro de Santa Lucía; a mellora paisaxística das zonas de lecer de Pescastrelo e melloras na nave municipal de Prado.
En Taboadela, levarase a cabo o acondicionamento do parque de Pasadán; porase en valor o lavadoiro de Vendanova e o lavadoiro e contorna de Outeiro da Mezquita; a mellora paisaxística da aira e fonte de Mingarabeiza.
E, no concello de Toén, faranse obras de mellora nas beirarrúas de Moreiras, Toén, Mugares e Xestosa e repararanse pozos de saneamento nestas mesmas parroquias; así como a limpeza viaria de vexetación de distintas zonas.
Valcárcel insistiu no esforzo que se fai dende o Concello para conseguir un Obradoiro destas características e desexou moita sorte aos alumnos e alumnas: “A incorporación ao mundo laboral mellora a calidade de vida das persoas, por iso desexo que aproveitedes esta oportunidade”.
O rexedor de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, destacou a importancia da colaboración entre os catro concellos para poder desenvolver o Obradoiro. Na mesma liña, o alcalde de Toén, Ricardo González, insistiu no enorme traballo de coordinación realizado para poder achegar a formación aos participantes no Obradoiro e asegurou que “o que fagades co voso traballo falará ven destes concellos”. O tenente de alcalde de Taboadela, Roberto Blanco, desexou sorte aos alumnos e alumnas e insistiu na oportunidade que se lles presenta para lograr a inserción laboral.
Neste mesmo escenario clausurouse a principios deste mes de novembro o Obradoiro de Emprego no que se realizaron actuacións como a rehabilitación do lavadoiro de As Quintas ou a construción dun “hotel para insectos”.
O Concello de Barbadás segue demostrando a súa aposta pola formación, a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a relevancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.