23/09/2026

O Parque dos Patos presume do mural colaborativo en homenaxe a Clara Campoamor

  • A actividade, enmarcada no Programa Luz Pozo Garza, contou coa participación de mulleres do Centro Ocupacional As Burgas
  • “O proxecto ten por obxectivo o empoderamento feminino a través de obradoiros e encontros nos que se abordan aspectos psicolóxicos, laborais e creativos”, detallou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

O Parque dos Patos presume xa do seu mural colaborativo en homenaxe a Clara Campoamor, deputada, sufraxista e referente feminista na loita pola igualdade e polo voto das mulleres. Esta mañá, ao abeiro do Programa Luz Pozo Garza, levouse a cabo a elaboración do mural, da que formaron parte veciñas de Barbadás e mulleres do Centro Ocupacional As Burgas.

“Este programa ten por obxectivo o empoderamento das mulleres en situación de especial vulnerabilidade en zonas do rural e da zona urbana de Barbadás a través de obradoiros e encontros nos que se abordan aspectos psicolóxicos, laborais e creativos”, detallou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, quen acudiu á actividade acompañado do tenente alcalde e concelleiro de Igualdade, Daniel Rey. 

A artista Tareixa Taboada foi a encargada de guiar o proceso de pintado. “É unha honra participar neste proxecto tan imporante que reivindica as voces femininas tanto na literatura, como é Luz Pozo Garza, como na política, como é Clara Campoamor”, destacou. Nesa liña, asegurou que “é moi importante seguir traballando pola igualdade e integrar a voz de todos os colectivos de mulleres, como neste caso, as usuarias do centro As Burgas”. 

O mural inclúe á propia Clara Campoamor acompañada dun fragmento dun dos seus coñecidos discursos en defensa do voto feminino: “A liberdade apréndese exercéndoa”. 

O programa Luz Pozo Garza continúa esta tarde, ás 19,00 horas, cunha charla sobre estratexia dixital e o uso de intelixencia artificial para a búsqueda de emprego no local da Asociación Veciñal das Lamas. 

Novas

CONTENT.1792010167

SINGLE.1792010167