20/06/2024
O Parque dos Patos será o escenario do Verán Cultural de Barbadás cunha decena de espectáculos de maxia, música, circo e teatro
En Barbadás, o verán é cultura. O Concello organizou unha decena de espectáculos de maxia, música, circo ou teatro, entre outras propostas nas que non só o público infantil será o protagonista, xa que para a súa organización pensouse en todos os sectores da poboación. O programa foi presentado esta mañá no Parque dos Patos da Valenzá, que será precisamente o escenario no que se leven a cabo as diferentes funcións.
No acto de presentación interviñeron o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, que destacou que esta edición do Verán Cultural traerá propostas “frescas e variadas para involucrar a toda a poboación, porque a cultura non colle vacacións”.
O rexedor destacou “a importancia de sacar a cultura á rúa, que é precisamente o que pretendemos dende o Concello”. Tamén puxo en valor o acto que terá lugar o 28 de xuño polo Día da Diversidade LGTBI “xa que se trata dun colectivo que merece a nosa atención e que ofrece unha gran colaboración ao mundo cultural”.
Victoria Morenza insistiu en que o Verán Cultural levarase a cabo “nun espazo privilexiado como é o Parque dos Patos, ata o que se achegan veciños e veciñas doutros concellos próximos e no que se habilitarán cadeiras para favorecer un lugar de encontro e para que o público poida desfrutar dos espectáculos”.
A programación estenderase do 26 de xuño ao 29 de agosto e os actos comezarán as 21.00 horas co seguinte calendario:
26 de xuño. Concerto da Banda Infantil de Música de Barbadás.
27 de xuño. Concerto da Banda de Música Cultural de Barbadás.
28 de xuño. Concerto do Grupo Guezos polo Día da Diversidade LGTBI.
4 de xullo. Compañía de circo Amontonados por Azar. Espectáculo “H2Olga”.
11 de xullo. Acústico de Carolina Rubirosa. Música de autora e versións escollidas moi persoais.
18 de xullo. Culturactiva. Espectáculo “Máis sabor”.
1 de agosto. Compañía de Circo Marta Iglesias. Espectáculo “Hoxe si”.
8 de agosto. Compañía Teatral Pedras de Cartón. Espectáculo “Quixote”.
22 de agosto. Maxia con Joshua Kennet. “Degustación de imposibles na rúa”.
29 de agosto. Concerto de Gin Toni´s.