14/12/2022
O “pastor de abellas” Daniel envasa mel en Piñor para “compartir a alegría que dá unha cullerada de mel no padal”
En San Lourenzo de Piñor, no lugar de Ousande, desenvolvese a vida do “pastor de abellas” Daniel Aguiar Morales, a poucos metros da vivenda dos seus pais e con parte dos seus colmeares instalados nun terreo que foi dos seus avós.
- Defínese como “pastor de abellas” porque di estar ao servizo delas, e con elas leva experimentado dende que lembra: “o meu avó e un primo seu xa tiñan mel, e eu axudaba así que non tiña medo nin reparo en estar coas abellas, e comecei a facer traballo de apicultura aos poucos, primeiro con 5 colmeas a carón da casa”, relata.
- Por formación e experiencia laboral, Daniel fai traballos de electricista, soldador, mecánico… “Despois de traballar uns anos en empresas dese sector, quixen tentar algo propio para non estar tan supeditado aos xefes que poidan tocar”, aclara.
- O deporte e a música tamén teñen formado parte da súa traxectoria: competiu como xogador de waterpolo entre outras disciplinas deportivas, e é gaiteiro.
- As cinco primeiras colmeas foron o seu laboratorio e foi coñecendo a fondo o mundo as abellas “grazas sobre todo a Paco, de Rairiz de Veiga, que era director lo Instituto de Ensino Secundario e produce mel coa marca Polemel “.
O contacto con Paco, segundo Daniel, valeulle para aprender todo o que sabe e saber resolver cada momento na vida dunha colmea. “Se pensas nisto coma negocio soamente non serás capaz de obter todo o que as abellas nos dan. Hai que saber facer raíñas cando toca, vixiar e saber cal está forte para axudar a aumentar a actividade, coidalas do seu parasito, a várroa, e substituir os animais enfermos dela…”
- O apicultor de Piñor limpa durante o inverno e primavera o chan no que están as súas colmeas. Deixa que o seu “gando” colleite pole até finais de xuño, cando comezan a florecer carballo e Silveira, e nese momento comeza a trasladalas até a montaña de Manzaneda e Pontevedra “onde colleitan eucalipto e outras flores até novembro”.
- Tenta así paliar o ataque da volutiña que se intensifica durante o verán pero xa non hai cara finais de ano, cando volve coas colmeas a poucos metros da súa casa en Piñor… e retoma os traballos continuos de mantemento, vixianza e mellora de cada colmea.
A marca é “Coto de Ousande”
- O mel de Daniel non está en ningunha páxina web, nin blogue nin rede social propia. Dende que se deu de alta como produtor hai case 20 anos comercializa a súa marca “Coto de Ousande” de pole e mel e considera que os produtos do seu rabaño de abellas “é o mellor do mundo”, e de feito, vende todo o que produce grazas o “boca-orella” e o contacto directo cos seus clientes.
- A etiqueta foi deseñada por Rosa, da librería Cisne e leva o nome do lugar no que vive, por iso, porque é onde vive, onde se criou e onde o seu avó tiña cepas. Agora na mesma finca están as colmeas do neto. “O nome está posto para gardar a memoria do meu avó e da miña infancia”, asegura.
- Para todo o que precisa, abastécese en González Carballal , a empresa na que traballa e que é distribuidora única de material de apicultura en Galicia.
- Daniel adica todo o tempo libre que lle queda de traballo e familia para coidar das colmeas. Incluso inventa melloras como “placas eléctricas para arpas” que churruscan ás vespas volutiñas, e soña con que os seus fillos, xemelgos, queiran seguir co que fai el.
- “A miña gratificación cotiá é poder compartir con outras persoas a sensación insuperable, a alegría que dá unha cullerada deste mel ou pole no padal”, gábase.
- Con ese mimo coida tamén ós seus clientes habituais: a panadería de Piñor , no mesón Parada (o do Pimpón) e nalgunhas tendas na cidade de Ourense. Tamén vende a particulares e ultimamente enviou pedidos a Inglaterra e Abu Dabi.
Como mercarlle? Pois… simplemente contactando con el no teléfono que está na etiqueta do seu pole e mel. Tedes que mirar as fotos e tomar nota. Non hai outro xeito, se non o coñecedes.