13/04/2023

O pleno de Barbadás aproba a través de dúas mocións a instalación dun posto fixo da Garda Civil na Valenzá

Valcárcel, que mantén contactos ao máis alto nivel con Interior e a Garda Civil, avanzou que terá trinta efectivos e que o Concello so pagará o aluguer do local

Pleno Barbadás

O Concello de Barbadás aprobou dúas veces nun mesmo pleno o establecemento dun posto permanente da Garda Civil na Valenzá. Unha das iniciativas foi presentada polo Partido Popular e outra polo Goberno local, ambas aprobadas, pero con diferente sentido de voto en canto ao resto de partidos. Así, a primeira moción foi aprobada por unanimidade, e a segunda saliu adiante aínda que cos votos en contra do BNG e Compromiso,  e a abstención de Democracia Ourensana. En calquera caso, a instalación do novo cuartel da Garda Civil na Valenzá saíu adiante por amplísima maioría cos votos a favor, en ambas votacións, do PSOE e o PP.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que a instalación dun posto da Garda Civil na Valenzá é unha necesidade prioritaria para o municipio. Valcárcel sinalou que Barbadás é un dos concellos máis seguros da provincia, segundo datos oficiais, en contra da afirmación do Partido Popular, que chegou a falar de alto nivel de delincuencia, sendo afeado por tal motivo polo resto de grupos.

Ademais, o alcalde destacou que a instalación do cuartel da Garda Civil na Valenzá terá múltiples beneficios para a comunidade local. En primeiro lugar, permitirá unha maior proximidade dos efectivos de seguridade á cidadanía, o que axilizará a atención ás necesidades e demandas dos veciños e veciñas e axudará a reforzar e aumentar a percepción de seguridade entre a poboación local.

Tamén se traducirá nun aforro de efectivos da policía local na Valenzá, que serán destinados a outras áreas do municipio.

O custo económico da reforma precisa do local finalmente elixido será asumida maioritariamente polo propietario do local, mentres que o Concello só terá que facer fronte ao alugueiro do mesmo, o que representa un investimento razoable que permitirá dotar ao municipio de novos servicios, ademais de mellorar a seguridade, detallou o alcalde.  A presenza da Garda Civil na Valenzá contribuirá tamén a aumentar a poboación e atraer investimentos e desenvolvemento á zona, o cal será beneficioso para o crecemento e progreso de Barbadás. Segundo os datos adiantamos polo alcalde, na Valenzá instalarase unha plantilla de 30 efectivos.

Actualmente, estase levando a cabo unha análise exhaustiva das posibles localizacións para o este posto permanente da Garda Civil, en coordinación coas autoridades competentes, do que se manterá puntualmente informado a todos os grupos políticos, tal e como demandou o PP na súa moción. Entre estas localizacións, figura o entorno do Centro de Saúde ou o Parque dos Patos, se ben Valcárcel non entrou en máis detalles para non alentar a especulación.

A día de hoxe, o alcalde mantén contacto directo con responsables ao máximo nivel tanto da Garda Civil como do propio Ministerio de Interior para seguir avanzando neste asunto e poder concretar a instalación deste demandado posto da Garda Civil na Valenzá o antes posible.

 

Novas, , ,

CONTENT.1728680644

SINGLE.1728680644