26/01/2024
O programa do Entroido de Barbadás énchese dunha vintena de propostas e un desfile no que participarán 1.200 nenos e nenas
Ao longo de case un mes estenderase o Entroido de Barbadás. A festa, con gran tradición no concello, contará cunha vintena de actividades e a programación deuse a coñecer nun acto celebrado esta mañá na Casa da Cultura. Que os veciños e veciñas rompan coa rutina e deixen voar a súa imaxinación e creatividade é o obxectivo do programa, centrado especialmente nos nenos e nenas. Os máis pequenos protagonizarán un desfile o 9 de febreiro no que está prevista a participación de 1.200 escolares.
A concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, explicou que nas propostas organizadas para o Entroido de Barbadás participaron as diferentes áreas do Concello: “Tratamos así de implicar a toda a cidadanía nesta celebración moi agardada e que aquí conta con gran tradición”. A edila tamén subliñou o impulso que o Concello trata de dar ao Venres de Comadres, implicando á mocidade coa Gramola Disco e incentivando as reservas na hostalería.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a ilusión coa que se vive o Entroido no concello e explicou que o cartel elixido para anunciar esta festa en Barbadás transmite todo o que se pretende coa programación. Nesta obra pode verse a unha avoa cosendo os disfraces para os seus netos, polo que cobra relevancia a idea de transmitir a festa aos máis novos: “O Entroido vívese neste concello con gran intensidade e queremos dedicar a festa á infancia con actividades que pensan en transmitir a tradición de xeración en xeración”, engadiu o rexedor.
Esta é a programación detallada:
Mañá, 27 de xaneiro, Obradoiro de Mecos dirixido ás familias no Museo da Gaita de Fole. Será en horario de 17.00 a 20.00 horas.
29 de xaneiro: Obradoiro de Compadres e Comadres no CEIP Filomena Dato.
31 de xaneiro: Obradoiro de Compadres e Comadres no CEIP O Ruxidoiro.
1 de febreiro: Regueifa de Compadres na Praza Vella da Valenzá. 12.30 horas.
2 de febreiro: Obradoiro de Gorros de Labardeiros no Museo da Gaita. 17.00 horas.
3 de febreiro. Mascaradas Ancestrais. Dedicada ás Señoritas e Labardeiros de Mugares. Pasarrúas amenizado polo folión Os Trebóns.
7 de febreiro: Masterclass especial de Entroido. Polideportivo municipal. 20.00 horas.
8 de febreiro: Regueifa de Comadres. Praza Vella da Valenzá. 12.30 horas.
9 de febreiro: Desfile infantil e do Centro Ocupacional das Burgas pola avenida de Celanova. 12.00 horas.
Pregón con Improversados e sesión disco-móbil. 20.00 horas
Cea de comadres nos establecementos hostaleiros. 21.30 horas.
12 de febreiro: Festa e concurso de disfraces infantil. Parque da Solaina. 16.00 horas.
Photocall especial do Entroido amenizado por DJ. Casa da Mocidade. 18.00 horas.
13 de febreiro: Gran desfile de Entroido. Avenida de Celanova. 17.00 horas.
14 de febreiro: Desfile fúnebre e queima dos Mecos. Avenida de Celanova. 20.00 horas.
Espectáculo de danza aérea con lume e fogos artificiais. Praza Vella da Valenzá. 21.00 horas.
Ademais, organizouse un Concurso de Mecos no que se repartirán 600 euros en premios e os interesados poden consultar as bases na páxina web do Concello de Barbadás.