27/04/2022
O proxecto do arquitecto Alejandro de la Sota para Finca Fierro, innovador e non executado
Historia de Barbadás

- A historia da Finca Fierro xirou nos últimos séculos arredor dunha soa propiedade que tiña unha casa señorial, unha capela e un pombal (que permanece). Esa leira foi partillada entre varios promotores urbanísticos e ocupada por variedade de construcións e familias nas últimas décadas do século XX e as primeiras do XXI.
- O arquitecto Alberte Pérez Rodríguez investigou ese espazo do concello de Barbadás. Alí existíu nos anos 60 un proxecto que Alberte engadiu na exposición “Ourense Imaxinado” de 2015 no centro cultural Marcos Valcárcel, na que se amosaron outros 9 proxectos non executados no veciño municipio.
- Na Finca Fierro, segundo lembra Alberte, quedou sen executar un proxecto de modernización baseado na “arquitectura industrializada”, tendencia dende os anos 20 na escola alemá Bauhaus, entre outras.
- A Caixa de Aforros Provincial de Ourense proxectou nos anos 60, construír nos 56.000 m2 da Finca Fierro un complexo con aulas, teatro, cine para mozos e mozas “de altas capacidades”, anos despois de que os herdeiros da finca hipotecaran a súa propiedade para marchar a América.
- Segundo foi sabendo Alberte na súa investigación, o daquela presidente do consello de administración da entidade bancaria era Antonio Alés Reliein , que tamén era arquitecto e pediu opinión para este novo proxecto ao arquitecto ourensán recentemente chegado de Madrid, Javier Suances.
- Suances fixo de intermediario propoñendo a idea a algún arquitecto xa destacado naqueles anos, que o rexeitou, e despois ao pontevedrés Alejandro de la Sota. Este aceptou a proposta en 1964 ou 1965 , aínda que tardou un par de anos en comezar a traballar nel.
- Alberte lembra que o arquitecto tiña moita relación con Galicia, tanto familiar (a nai era de Ribeira, os veráns pasábaos en Sanxenxo, o seu pai fundara o Museo de Pontevedra) como por amigos que sempre conservou, como o fillo de Castelao.
- Para o proxecto, a Caixa de Aforros encargou o plan topográfico do terreo (na imaxe “levantamento topográfico”) ó aparellador Gregorio Bueno.
Máis arquitectos implicados
- O proxecto de De la Sota é “espectacular” para Alberte, pois soubo “resolver coa mesma sección todos os volumes, adaptándose perfectamente as diferentes curvas de nivel dese terreo, que ten diferentes alturas”, e para chegar a ese resultado,De la Sota encargou ao tamén arquitecto Manuel Gallego Jorreto unhas fotos para avanzar no traballo.“M. Gallego envioulle fotografías da aldea de Balcaide, no concello de Teo, como mostra da arquitectura tradicional galega adaptada ao terreo e De la Sota tívoas como referencia para asentar en diferentes niveis os edificios do complexo que tiña entrada por abaixo e colocábanse en zig-zag cara arriba”, detalla.
- Nese complexo non construído había unha recepción na parte superior, aulas, biblioteca, cociña, comedor, teatro, edificio para xogos, campo de fútbol (ver imaxe da “planta usos”), deixando libre un espazo na parte superior que anos despois ocupou a residencia “Nosa Señora dos Milagros”, que segue alí, na estrada cara Piñor.
- Unha parte do espazo, no plan de De la Sota, quedou para hortas que abastecerían de productos á cociña do complexo.
Innovación arquitectónica da época
- A arquitectura de De la Sota “estaba a facer vangarda na España franquista” segundo os textos de “Ourense Imaxinado”. Na exposición sinaláronse as innovacións deste proxecto que respondeu ó interese do arquitecto nas posibilidades que ofrecía a produción en serie, tal como se facía no eido internacional dende a Escola Bauhaus, por exemplo.
- “Na residencia de estudantes pon en práctica a construción con elementos prefabricados, seriados, que xa ensaiara na casa Valera en 1961. Andaba a fixar a atención na busca de solucións estandarizables nas que centra a súa investigación técnica. Cos paneis Horpresa de formigón pretensado atopa rixidez e versatilidade de transporte e colocación. Mais tamén achega enxeños propios que non existen no mercado, como é o caso das portas de paneis de madeira forrados en aceiro co que consegue illalas do frío exterior e manter a calor cara ao interior”, segue o texto.
- Tamén foi novo o que expuxo para resolver a orografía, como o aproveitamento do camiño sinuoso que alí había para separar diferentes zonas do complexo segundo o seu uso, o uso de cubertas inclinadas prefabricadas.
- “Dende a cimentación, todo é industrializado co uso de formigón armado e tamén con fiestras que se farían con deseño curvado para aproveitar o proceso de fabricación da industria dos autobuses, entre outros exemplos”, detalla Alberte.
- Os detalles de bocetos do arquitecto, fotografías de Manuel Gallego e algunha documentación deste proxecto poden verse na fundación Alejandro de la Sota.
- Co proxecto avanzado, segundo Alberte, houbo “controversia arredor da súa finalidade, porque a execución dependía da Obra Social da Caixa de Aforros, e alguén pensou que este complexo supoñía en realidade, un privilexio, e non unha atención a persoas desfavorecidas así que foi quedando adiado, e produciuse o cambio de presidencia na entidade cando Alés foi substituído por David Ferrer en 1976”.
- Ferrer contratou aos arquitectos Manuel Conde e fillo, “que reformularon o proxecto pero non se fixo tampouco así que a Caixa de Aforros puxo a finca en mans de dous promotores de Toén e empezou a venderse en parcelas”, remata Alberte.