15/04/2023
O proxecto para converter Piñor en epicentro do centenario de Martín Gaite arranca cun roteiro literario
Será o pistolezo de saída, o próximo día 29, para unha serie de actividades e iniciativas mesmo urbanísticas e medioambientais que culminarán no ano 2025
Barbadás prepárase para acoller o ambicioso proxecto que busca converter Piñor no epicentro do centenario do nacemento de Carmen Martín Gaite. Arrincará o próximo 29 de abril cunha andaina literaria que percorrerá lugares que claramente son identificados na obra de Martín Gaite, de cando pasaba os veráns da súa infancia na localidade. O concello espera que esta actividade sexa o punto de partida para un ano cheo de eventos en honra á autora e que culmirá o próximo 2025 coa celebración do seu centenario.
Para participar na andaina literaria, os interesados poden apuntarse na páxina web do Concello no icono “Piñor, lugar literario”, seguindo as instrucións.
O proxecto, ademais de ter unha destacada implicación cultural, tamén contén derivadas urbanísticas, medioambientais, didácticas e literarias ao redor da figura da escritora e a súa obra.
Dende o Concello de Barbadás esperan que este proxecto poida impulsar o desenvolvemento da localidade, facendo fincapé na necesidade de coidar o medio ambiente e o patrimonio natural e cultural de Piñor.
Esta andaina é o pistoletazo de saída de toda a traxectoria que se vai iniciar co roteiro literario e que ten como punto de chegada o centenario do nacemento desta escritora universal, o próximo 2025. De feito, o alcalde de Barbadás e a tenente alcalde, Xosé Carlos Valcárcel e Vitoria Morenza, que capitanea este proxecto, xa mantiveron contactos ao máximo nivel co Ministerio de Cultura, que amosou un grande interese por sumarse e participar na organización deste centenario.
O proxecto ten como obxectivo dar a coñecer a figura da escritora Carmen Martín Gaite e a súa relación con Piñor, así como os tesouros agochados da zona. A andaina do día 29 percorrerá por primeira vez este roteiro literario.
Preténdese que o roteiro literario de Carmen Martín Gaite sexa un referente no turismo cultural e literario e que se estude nos centros educativos do municipio con unidades pedagóxicas específicas. Tamén se planea traducir ao galego as novelas que dunha ou outra maneira teñen relación con Piñor.