26/10/2023
O RallyMix recupera o seu trazado orixinal polo núcleo urbano de Barbadás e acada a súa novena edición con 65 inscritos
Barbadás será esta fin de semana o epicentro do automobilismo. O RallyMix Memorial Gonzalo Belay desenvolverase os días 28 e 29 de outubro e pilotos, afeccionados e organización miran ao ceo para que as intensas chuvias dean tregua e a proba poida disfrutarse en toda a súa espectacularidade. O evento deportivo chega a súa novena edición como decano galego e foi presentado esta mañá no polideportivo municipal. A proba rende homenaxe a Belay, un dos grandes referentes da fotografía de motor que faleceu a mediados do 2018.
Tal e como explicou o director deportivo do RallyMix, Pepe Sampayo, volveuse ao trazado orixinal, centrado no núcleo urbano de Barbadás e cun percorrido de 8,70 quilómetros entre o tramo cronometrado e o parque de asistencia, que se emprazará nas inmediacións da Casa Consistorial.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a importancia do RallyMix, que é un referente dende hai anos e agradeceu o traballo dos corpos de seguridade para que se celebre sen incidencias. Tamén insistiu o rexedor no impacto que terá no municipio: “Dinamizará a economía de concello, eventos deportivos como este teñen un gran retorno a nivel económico”.
No acto de presentación tamén interveu o vicepresidente segundo da Deputación, César Manuel Fernández, que subliñou a traxectoria deste evento deportivo “que chega á novena edición e que demostra que o traballo se fai ben”. Manuel Pérez, jefe do servicio de Deportes da Xunta de Galicia, insistiu en que o RallyMix porá a Ourense no foco do automobilismo e recordou a Gonzalo Belay “por estar sempre a disposición deste deporte”.
Pola súa banda, Juan Carlos Villanueva, presidente da Escudería Barbadás, destacou a condición do RallyMix como decano das competicións galegas e que só deixou de celebrarse coa irrupción da pandemia. Tamén fixo un chamamento á responsabilidade dos afeccionados para que respecten as normas da organización.
Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, insistiu na relevancia do Rally Mix, un evento asentado no calendario.
Horario e entrega de premios
Se as condicións meteorolóxicas o permiten, o sábado haberá tres pasadas, ás 12.00, 14.00 e 16.00 horas. O domingo serán dúas ás 9.30 horas e ás 11.30 horas. A entrega de premios terá lugar ás 14.00 horas no polideportivo municipal de Barbadás.