23/03/2026
Actuación de O SONORO MAXÍN
Venres, 27 de marzo ás 20:30h. na Sala Manuel María | A Valenzá - Barbadás.

Continuamos co Programa Noites Bárbaras e nesta ocasión contamos coa participación do grupo Ourensán O SONORO MAXÍN que nos presenta o seu novo traballo “A primavera ten que ser nosa”, será o venres 27 de Marzo, ás 20:30h. na Sala Manuel María de Barbadás.
A primavera ten que ser nosa é o nome desta nova xira na que O Sonoro Maxín homenaxea ao seu ex-batería Jaime Mateo. Presentan novos temas que mesturan con cancións xa recoñecidas por todos e todas nas súas case dous décadas de traxectoria.
O cerne que vertebra o espectáculo é a personalidade propia do conxunto que acolle, baixo as súas pólas, diferentes estilos musicais como a cumbia, o forró, o merengue e o rock, inventando as cancións da Galiza tropical e ofrecendo as súas flores e froitos convencidas que a primavera aínda está por chegar.
“O inverno atrapounos por completo. Quedamos totalmente núas, sen follas para abrigar o noso corpo. Mais hoxe, o día amenceu azul e brillante, e unha raiola de luz conseguiu deixar os nosos ollos abertos. O sol quenta, as cantigas andan xa a rebentar na chaira, o vento zoa tras as montañas e unha danza vermella abre a terra baixo os nosos pés. Os días coma hoxe fan que unha idea salte de boca en boca: chegará, de novo, a primavera.
Regresarán as cegoñas.
Agromará a ameixeira.
Os sapos volverán cantar con forza, coma nós.
Temos as raíces na terra e o ramo florido. A primavera ten que ser nosa.
Día: Venres 27 de Marzo
Hora: ás 20:30h.
Lugar: Sala Manuel María | Barbadás.
Evento: Música
Idades: Adulto + de 14 anos en adiante
Entrada: Con invitación (recóllense na Casa da Cultura) a partir do luns 23 de Marzo
Ao final do concerto haberá un petisco para todos os espectadores.
Organiza: Concellaría de Cultura de Barbadás