12/09/2025

O V Paseo da Saúde suma tres novas asociacións participantes e supera a vintena de entidades involucradas

V Paseo da Saúde
  • O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, enxalza o traballo realizado polas asociacións e agradece a súa colaboración nesta quinta edición
  • “O Paseo contará con diferentes espazos nos que poderemos coñecer, aprender e desfrutar da presenza dos participantes”, apunta Elisabet González

O Concello de Barbadás impulsa o V Paseo da Saúde, unha cita onde se congregan asociacións de pacientes, agrupacións e entidades sociais que dan conta do seu traballo diario na provincia. Nesta quinta edición, que se levará a cabo o venres 19 de setembro, súmanse tres participantes máis (Cruz Vermella, Alcohólicos Anónimos e Solidaridad Intergeneracional), o que eleva a máis dunha vintena o número de entidades participantes. 

Esta mañá, na presentación da actividade, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, enxalzou o traballo levado a cabo na provincia por todas as asociacións, que axudan, acompañan e asesoran á poboación máis vulnerable. “Moitas veces sodes as grandes esquecidas e por iso o voso traballo merece ser tan visibilizado neste Paseo”, apuntou Valcárcel, quen recordou que Barbadás é o único concello ourensán con esta iniciativa anual. 

Pola súa parte, a concelleira de Servizos Sociais, Saúde e Igualdade, Elisabet González, avanzou a ampla variedade de actividades que inclúe a xornada do próximo venres. A avenida de Celanova acollerá, no entorno da rotonda da Familia, os stands das agrupacións, que explicarán o seu traballo e os seus programas de atención. “As entidades nos ofrecerán información útil, obradoiros prácticos e actividades didácticas para todas as idades”, detallou a edila. O Paseo terá horario de mañá e de tarde, para que se poidan achegar maiores e pequenos. “Queremos dar visibilidade a un labor fundamental e, moitas veces esquecido. Estas asociacións traballan non só para axudar a persoas enfermas, senón tamén ás súas familias”, engadiu. 

Ademais de Cruz Vermella, Alcohólicos Anónimos e Solidaridad Intergeneracional, no V Paseo estarán presentes Afaor, Alcer, Auria, AECC Ourense, Aodemper, Por eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de Celíacos de Galicia, DCA Ourense, AFEM Morea, Fundación Neuroburgas, Grupo Social ONCE, Asgacop, Garda Civil e Protección Civil de Barbadás. 

Visibilizar as patoloxías

Na presentación estiveron presentes representantes das entidades participantes, que agradeceron a iniciativa do Concello de Barbadás e puxeron o foco na necesidade de que a sociedade non mire cara outro lado. Nesa liña, Eva Penín, veciña da Valenzá e integrante de Asgacop (Asociación Galega de Covid Persistente), recordou o impacto da recente eliminación da unidade de covid persistente na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. “Pecharon, sen previo aviso, esa atención que recibíamos”, apuntou Penín, que asegura que “somos moitos” os veciños de Barbadás afectados por esta patoloxía. Cabe recordar que o Concello de Barbadás foi o primeiro municipio ourensano en solicitar a reapertura desta unidade, que ofrecía atención especialista e personalizada aos pacientes. 

Primeiros auxilios e doazón de sangue

Protección Civil Barbadás tamén estará presente no V Paseo, onde realizará diferentes demostracións de técnicas de prevención dirixidas especialmente ao alumnado dos colexios, pero tamén á veciñanza en xeral. “A saúde tamén pasa por unha aprendizaxe dos primeiros auxilios”, resaltou Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias.

Pola súa parte, Javier Barja, xefe de Tráfico da Comandancia da Garda Civil, deu conta da colaboración co Paseo da Saúde. Nesa liña, convidou á poboación a achegarse a Barbadás o 19 de setembro e, o 5 de outubro, a participar na II Carreira Solidaria da Garda Civil, a favor da Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais. 

A veciñanza de Barbadás tamén poderá aproveitar o V Paseo para doar sangue, xa que a actividade contará coa presenza dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue. 

Pola tarde, as entidades participantes e o público poderán desfrutar dunha merenda saudable grazas á colaboración da Cova do Sabio.

 

Novas, Sanidade

CONTENT.1773479497

SINGLE.1773479497