03/07/2025
Os 200 aventureiros da Ruta Quetzal coñecen O Piñor de Carmiña

- A famosa ruta cultural fai parada en Barbadás para coñecer a relación de Carmen Martín Gaite con San Lourenzo de Piñor
- O goberno local recibiu aos expedicionarios no Campo de Roma, en Piñor
A coñecida Ruta Quetzal fixo parada en Barbadás para achegarse á figura de Carmen Martín Gaite. Os 200 expedicionarios -mozos e mozas de 15 e 16 anos de toda España-, acompañados dos monitores e de Íñigo de la Quadra-Salcedo, quen mantén viva a Ruta creada polo seu pai, percorreron parte do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” e coñeceron a pegada desta localidade na vida e obra da escritora.
A actividade estivo guiada polo docente e investigador David G. Couso, quen lles amosou algúns dos lugares máis especiais de San Lourenzo de Piñor. O goberno local deulle a benvida ao grupo no Campo de Roma, onde desfrutaron dun pequeno descanso antes de iniciar o paseo. “Encántannos a vosa enerxía e alegría, demostrádelle ao mundo que a xuventude é o futuro do noso país”, apuntou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.
Valcárcel puxo en valor a elección de Íñigo de facer parada en Barbadás -despois do paseo, o grupo ceou no parque dos Carrís e pernoctou no Polideportivo Municipal- e destacou a importancia de Carmen Martín Gaite na literatura universal. Pola súa parte, Íñigo puxo en valor a colaboración do Concello de Barbadás e entregoulle unha placa en sinal de agradecemento ao alcalde.











