30/03/2023
Os grandes e pequenos proxectos de Barbadás saen do contacto continuo da veciñanza coa edil Victoria Morenza
Servizos públicos en Barbadás
Victoria Morenza Doforno naceu en Alemaña e cando tiña 3 meses a súa nai veuse para Piñor con ela, onde xa estaban os seus dous irmáns. O seu pai é de Mugares (Toén) e o avó viviu na casa do Bohío, nas aforas de Piñor, no lugar onde se muda de concello.
- É tenente de alcalde en Barbadás dende hai 4 anos e asegura estar “encantada” porque nos catro anos anteriores levaba a área de Urbanismo onde se facían moitas obras co remanente de tesourería, “e quería ter un contacto máis amplo, unha visión de conxunto das áreas, e cando chegou esa opción hai 4 anos, veu con moita máis carga de traballo e de responsabilidades, porque nas 7 concellerías que temos faise o traballo de 9”, asegura.
- Se houbera que concretar as súas competencias, habería que dicir que Victoria Morenza é a edil de Mobilidade, Persoal, Obras, Infraestruturas, Relacións Institucionais e Vivenda e Urbanismo, aparte das tarefas de coordinación como tenente de alcalde.
E se hai que concretar máis, ela escolle, entre todas as responsabilidades, as que teñen que ver “con proxectos e fixación de obxectivos por zonas para orixinar un desenvolvemento equitativo nas diferentes poboacións e aldeas do concello”, detalla.
- No eido da procura continua do equilibrio entre poboacións destaca o proxecto do Pisco, “no que hai moitas persoas implicadas porque a actuación desenvolverase a carón das veciñas e veciños”. “Eu non son unha adiviña para saber o que queren os nosos veciños así que son eles os que nolo din e nós facémonos eco”, afirma.
- Afirma que o seu grupo de Goberno “herdou diferentes situacións nos diferentes espazos, e temos que telo en conta. De feito somos conscientes de que en Barbadás conviven perfectamente un mundo rural na maior parte das poboacións, o semi-urbano de San Lourenzo de Piñor e Parada, e o mundo urbano da Valenzá e Finca Fierro, e todo no mesmo concello”
Nove canles diferentes para recibir avisos da poboación
- Victoria alude á comunicación continua coa sociedade de Barbadás, da que reciben avisos, incidencias, necesidades e ideas, cada día, polas mensaxes nas redes sociais (Facebook, instagram e twitter).
Tamén pola web do concello , por “whatsapp” no teléfono móbil institucional “de toda a vida” que agora ten Victoria co número 646 987 108, polo rexistro do concello, na sede electrónica , por chamada telefónica ó 988 36 00 00 e mesmo pola App para móbil Concello de Barbadás.
- Todos os avisos e incidencias quedan recollidos nun informe anual. “Tratamos de responder a cada aviso e son moitos”. Como exemplo, explica que no concello hai unhas 3.500 farolas públicas, e cada día recibe unha media de 10-15 avisos só para cambiar lámpadas estragadas ou para reparar algunha incidencia respecto ao sistema de alumeado.
- Esta comunicación “supón un cambio total cara a apertura á sociedade e comezou co aproveitamento da páxina web, que atopamos recén montada cando comezamos a gobernar, e non había nada máis nese eido”, concreta.
- Esas nove canles de comunicación e o contacto cos traballadores municipais fai posible que Victoria estea “ao tanto das necesidades de cada área “ porque lle gusta facelo, pero recoñece que ás veces algunha pásaselle.
“Compaxinar o día a día cos proxectos máis grandes é complexo, e aí chegan licencias de obra, arranxo e limpeza de camiños, eventos, o antes e despois de calquera obra… son o día a día que van comendo o tempo”, destaca.
O proxecto do Pisco e Campo Redondo, arredor da auga
- As outras tarefas de Victoria, as dos proxectos a medio/longo prazo, son as que teñen “menos visibilidade inmediata pero imos presentando aos poucos”, engade.
Entre eles, o xa anunciado da senda polas beiras do río Barbadás que pasa polo Pisco e un pouco máis abaixo, polo Campo Redondo.
“É un lugar emblemático e idílico, co que calquera persoa soña porque é zona de río con moita arboreda, e precisaba moitas melloras, así que agora terá nova varanda, un banco con unha visión espectacular da zona e varios arranxos”.
- Para Victoria, é unha satisfacción falar deste proxecto porque estar no Pisco e contorna “é como estar no Edén e, por riba, dende el haberá acceso a esa aldea pantasma para algúns que é Moureán” (aldea abandonada na que quedan as ruínas de propietarios que se trasladaron e agora viven noutras poboacións de Barbadás).
“A senda que chegará ó Pisco sae da Valenzá, e moitas persoas a descubriron durante os confinamentos da pandemia, e gustou moito porque ten moita sombra para os días de calor”, engade. O proxecto foi encargado ao arquitecto Juanjo Otero e entre outras cousas, porá en valor a auga, o seu son e a súa presenza en todo ese percorrido.
- Neste momento, ese proxecto está en trámite, en fase de protocolo coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (institución que custodia e regula actuacións en ríos da cunca hidrográfica do Miño) para obter un financiamento conxunto.
O proxecto Carmen Martín Gaite terá andaina en abril
- Outro dos proxectos con tramitación en marcha é o centrado na escritora Carmen Martín Gaite. Comezou pola idea de dar pulo a un roteiro literario polos lugares de Piñor nos que viviu, xogou e aprendeu a escritora e foi evolucionando ata facerse “moi ambicioso”. Xa conta cun Plan Director elaborado por Luis Congil que inclúe o roteiro, un espazo no centro social para amosar imaxes e ser espazo de recepción de visitantes, e unha intervención na contorna do Pazo de Lemos.
- A estrada e o camiño que rodean a leira do pazo serán unha plataforma única para coches e peóns que conectará o pazo de Lemos, a casa na que viviu a escritora (que era dos caseiro do pazo) e parte dos seus espazos vitais como o Campo de Roma e a fonte do Regueiro (adicada a un tío-avó seu).
- En abril está previsto facer unha andaina guiada polo profesor e investigador da escritora, David González Couso e ata 2025 desenvolverase o proxecto “co apoio do Ministerio de Cultura, de cara ao centenario de Martín Gaite que se celebrará no 2025”, engade.
Tamén o tanque do Regueiro, en Barbadás
- Por outra banda, o arquitecto Adolfo Rodríguez de la Rúa e o Concello comezaron a traballar na humanización no lavadoiro que está no barrio do Regueiro, de Barbadás.
“O proxecto deste arquitecto, moi premiado polo seu traballo en Allariz, quere conservar o tradicional dese espazo no que aínda se lava roupa, alfombras e rianxo, con modernización para que deixe que estar encaixonado e se abra cara as vistas espectaculares que ten“, detalla Victoria.
- Ese lavadoiro abastécese de auga que corre dende un regato que se soterra baixo o barrio e xurde no pilón que está aínda en uso. “Para min, a mellora que temos prevista nese espazo é un orgullo porque a miña nai era rianxeira e lembro os traballos que pasaba para preparalos mañuzos, lavalos e atalos, e levalos á praza de Ourense”, engade.
- Se precisas máis detalles sobre algún dos servizos mencionados ou outros que presta o concello, non dubides en poñerte en contacto a través das mencionadas canles oficiais. Visita estas mesmas canles para seguir a actualidade dos proxectos actuais que se están levando a cabo e de futuros que están en previsión e iranse informando.
Barbadás Quéreo Viveo, Infraestruturas/Obras/Servizos, Novas