06/10/2023
Os leitos fluviais de Barbadás serán saneados coa eliminación de especies invasoras e a tala de vexetación arbórea con risco de caída
O saneamento dos leitos fluviais é un asunto que preocupa ao Concello de Barbadás que, a través da concellería de Disciplina Medioambiental que dirixe Daniel Rey, solicitou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, entidade encargada da supervisión destas zonas, a execución dos traballos de eliminación de especies invasoras a de tala de vexetación arbórea con risco de caída en zonas non urbanas.
As zonas nas que se están actualmente acometendo os traballos son o regato das Lamas no entorno dos Carrís, no que se eliminaron especies invasoras (plumas), o río dos Muíños na zona dos Carrís, Ponte Bagoi e Muíños, nas cales se procedeu á tala e entresaca de vexetación arbórea desarraigada, seca ou tumbada que tiña risco de caída sobre o propio leito ou sobre edificacións agrícolas situadas nas ribeiras.
O concelleiro de Disciplina Medioambiental, Daniel Rey, asegura que ao mesmo tempo estase a traballar para levar a cabo unha campaña de sensibilización sobre os cauces fluviais coa comunidade educativa: “Efectuaranse limpezas dos ríos e regatos, contando ca participación dun biólogo que explicará cales son os elementos de flora e fauna autóctonos dos nosos ríos e regatos e tamén se promoverá o coñecemento da historia hidrográfica do noso concello”.
A biomasa retirada é tratada por parte dos especialistas. Ademais, a leña será almacenada en instalacións municipais coa idea de ser utilizada en casos de necesidade apreciada polo departamento de Servizos Sociais.
No treito de río considerado urbano por parte da CHMS, que é o comprendido entre os Carrís e o límite municipal con Ourense, o Concello poderá actuar de oficio comunicando á CHMS, nos casos nos que sexa necesaria a retirada de vexetación arbórea ou arbustiva que non forme parte do leito fluvial, para evitar riscos tales como caídas, inundacións ou pragas.