30/09/2025

Os once locais hostaleiros participantes no Barbadás a bocados repartiron preto de 9.000 pinchos nos dous días de degustación

Barbadás a bocados
  • O xurado popular deulle o primeiro premio á Cova do Savio e o segundo ao Ourenexpress, mentres que o xurado profesional decantouse pola elaboración de Wakanda
  • “Queremos recoñecer e poñer en valor o traballo de todos os hostaleiros e hostaleiras participantes, e resaltar ás novas xerencias que se animaron a participar”, destaca o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel

O salón de plenos do Concello de Barbadás vestiuse de gala esta mañá para acoller a entrega de premios da oitava edición do Barbadás a bocados, celebrado os pasados 12 e 13 de setembro. Os 11 locais participantes venderon nesa fin de semana preto de 9.000 pinchos, o que dá conta da boa acollida e da elevada participación da poboación. “Moitas grazas por participar e colaborar, queremos recoñecer e poñer en valor o traballo de todos os hostaleiros e hostaleiras, e resaltar ás novas xerencias que se animaron a participar”, destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na entrega de premios. Marga Pérez, concelleira de Comercio, fixo fincapé nas boas valoracións dos negocios participantes, así como do bo ambiente que se viviu durante o concurso. “Grazas ao público por saír á rúa e por degustar as 11 propostas”, agradeceu.

O xurado popular alcanzou nesta oitava edición os 670 votos, unha cantidade superior á dos últimos anos. O público escolleu o pincho da Cova do Savio (“Ma&Lu”) como o gañador, seguido da elaboración do Ourenexpress (“Tamari&Gai”). 

O xurado profesional, composto por tres profesionais da Escola de Hostalería e Turismo de Ourense, elixiu o pincho do Wakanda (“Bocado wakandiano”) como o mellor da oitava edición. “É un pincho moi simple, pero que sae do común: no momento de probalo sorprendeunos moito”, explicou Noelia Fernández, integrante do xurado que participou na entrega.

Barbadás a bocados

A elaboración do Ourenexpress, pola súa parte, levouse o segundo premio do xurado profesional, así como o premio á creatividade. “Chamounos moito a atención a mistura de sabores en boca, así como a presentación”, detallou Fernández. 

As actas do xurado profesional e os votos emitidos polo público estarán no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET) para toda persoa interesada en comprobar os resultados. 

Os tres hostaleiros vencedores tamén recolleron os agasallos realizados por tres das empresas colaboradoras (Coren, Coto de Ousande e Fruta Legufrut) e o xurado recibiu un agasallo do Concello polo seu esforzo e participación.

Vales de 40 euros en comercio e hostalería local

O Barbadás a bocados convoca en cada edición un sorteo entre o público votante para agradecer a súa participación e compromiso co concurso. Esta mañá, durante a entrega de premios, Marga Pérez e Xosé Carlos Valcárcel entregaron aos 10 gañadores do sorteo vales de 40 euros para gastar en comercio e hostalería local. 

Barbadás a bocados

Comercio, Novas

CONTENT.1773478771

SINGLE.1773478771