05/04/2024

Os paneis da primeira comunidade enerxética de Barbadás estarán colocados na cuberta da pista polideportiva de Sobrado do Bispo

Barbadás Enerxía constituíuse esta semana de forma oficial nunha aposta decidida do Concello polas enerxías renovables. Que os veciños e veciñas aforren no recibo da luz, ao mesmo tempo que se contribúe ao coidado do medio ambiente, é o obxectivo que levou ao executivo local a liderar esta comunidade enerxética. Os estatutos desta entidade aprobáronse esta semana nunha reunión á que asistiron unha trintena de persoas, ademais dos técnicos e asesores. Nesta mesma reunión quedou constituída a Xunta Directiva, que está integrada por 7 persoas.

Un total de 24 instalacións municipais foron analizadas para poñer en marcha o proxecto de Barbadás Enerxía. Unha vez realizado o estudio decidiuse levar a cabo a instalación de paneis solares na pista polideportiva cuberta de Sobrado do Bispo, xa que conta con maior capacidade. As placas fotovoltaicas darán servizo á poboación que resida nun radio de 2 quilómetros, é dicir, a esta localidade e a unha parte de Bentraces e Barbadás.

Debido a que nesta instalación de Sobrado do Bispo apenas se rexistra consumo eléctrico, o excedente pasaría a ser utilizado polas persoas que forman parte da comunidade enerxética. O custe de poñer en marcha esta instalación fotovoltaica ronda os 200.000 euros e levarase a cabo con cargo á subvención do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.

Os beneficiarios recibirán a enerxía directamente, previa comunicación á empresa que factura, que reducirá a parte proporcional que se consume co sobrante da instalación. A constitución da comunidade enerxética é un gran avance para fomentar o uso das enerxías renovables e reducir os custos á poboación.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, asegura que para o Concello de Barbadás a constitución desta comunidade é un impulso a prol das enerxías renovables, da eficiencia enerxética e o coidado do medioambiente.

O Concello demostra así o seu compromiso por proporcionar un maior benestar e calidade de vida aos seus cidadáns, ao tempo que fomenta a sostibilidade e a eficiencia enerxética.

Novas

CONTENT.1726129745

SINGLE.1726129745