07/06/2024
Os premios do Certame Literario de Piñor entregaranse mañá nunha xornada de exaltación das letras e a música galega
Os premios da edición número 27 do Certame Literario de Piñor de Narracións Breves entregaranse mañá nunha xornada de exaltación das letras e a música galega que terá a Casa de Cultura Manuel María como escenario. A partir das 18.00 horas agárdanse as actuacións de Cantagalos, Cuncas do Son e Zoadeira, ademais da Banda de Música e Cultura de Galicia.
Que Piñor inspira a grandes escritores volveu a quedar demostrado neste certame literario que leva o nome desta parroquia de Barbadás e que organiza a Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia coa colaboración do Concello.
Na categoría A (maiores de idade) os gañadores son Xosé Alfredo Naz e Sandra Fernández. Na categoría de B (de 13 a 17) resultaron premiados Hugo Martínez e Iker Pérez, mentres que na categoría C (alumnado de primaria) foron galardoados Lois González e Álex González.
En total, repartiranse preto de 1.300 euros con dous relatos galardoados en cada categoría. O certame consolídase no tempo e cada vez son máis os participantes, tamén doutras provincias galegas. Este concurso naceu da man da mocidade de Piñor na década dos noventa para potenciar a literatura galega.