30/04/2021
Os veciños de Barbadás proxectan revitalizar o “pozo redondo” e o “Pisco”
Asociación veciñal “A nosa aldea”

- A asociación veciñal “A nosa aldea” comezou hai catro anos a dinamizar a vida social, lúdica e cultural da parroquia de Barbadás e das poboacións máis próximas. En 2021 traballa co concello para revitalizar o “pozo redondo” e a zona do “Pisco” con un sendeiro pegado ó río entre Mourián e A Boutureira.
- Pedro Freire e Modesta Seara teñen traballo como policía local e enfermeira, e son presidente e vicepresidenta respectivamente da asociación veciñal que dende 2017 se propuxo “recuperar a vida comunitaria, tan característica do rural”, segundo explican.
- Consideran que salvo a Valenzá, o concello de Barbadás é de carácter rural cas vantaxes que iso supón no día a día, pero no entorno do edificio administrativo do concello, quedáronse sen vida social en común e até sen a festa de San Xoán , así que para arrincar, organizaron actividades como clases de ioga, bailes latinos, zumba e talleres de memoria.
- “Non contábamos con tanta participación pero se ve que había gañas despois de anos sen actividade veciñal”, concreta Modesta. “Hai persoas que non se coñecían antes de participar nesas clases así que a asociación recuperou todo o seu sentido”, apunta Pedro.
Festas populares e graffiti
- En 2017 comezou a recuperación das festas: a de San Antón (a máis popular) do 17 de xaneiro, é unha cea diante do local social (ó pé da capela de San Mauro) con música tradicional de grupos da escola municipal de música.
- A festa de San Xoán do 24 de xuño celébrase dende ese ano diante da igrexa parroquial (adicada a ese santo do comezo do verán) e trocou as sardiñas por churrasco e viño da casa, tradicional en Barbadás. Tamén volveu o magosto do outono, e a xuntanza celébrase no local social con música de gaitas.
- O 2020 a actividades comunitarias foron canceladas pola pandemia de COVID pero si se fixo unha homenaxe ás rianxeiras da aldea cun gran grafitti no muro da curva de Soutovello, pintado por Camilo da Silva. En 2021 remataránse as pinturas no muro para homenaxear ó viño, e a veciños populares na contorna, antes do verán. O proxecto é rematar o muro que xa homenaxea, nunha parte, ás rianxeiras e a María Carril por ser unha delas.
- Esperan poder retomar a Andaina solidaria anual que até agora destinouse a persoas con doenzas como esclerose ou cancro e invitan a todos os veciños e veciñas do concello a participar nas actividades organizadas pola asociación que xunta neste momento a 60 familias.
Senda de Mourián á Boutureira
- Neste 2021 a asociación comezou a traballar co concello no proxecto de recuperar e sinalizar o sendeiro que sae da aldea abandonada de Mourián e pasa pola contorna da aldea dos Muíños, polo “pozo redondo”, a fervenza do Pisco, O Pontón e chega até a Boutureira.
- Todo o traxecto irá pola beira do río Barbadás, chamado tamén Muíños, Villaescusa… O equipo técnico busca solucións para pasar dunha beira á outra para sortear penedos derrubados e zonas afectadas pola estrada de Celanova, que cortou o camiño vello cara Bentraces.

- “Ese tramo do río conta con vellos camiños agora cortados, e utilizouse sempre como zona de baño no verán, así que propuxemos melloralo e aproveitalo para dinamizala zona” lembra Modesta. Ademais, nos meses pasados aumentaron as persoas que camiñaron por ela.
- Pedro apunta que nas aldeas abandonadas de Mourián e Muíños hai casas que poderían acoller algunha actividade de atención a paseantes, bañistas e sendeiristas. Non hai nada previsto polo momento, segundo explican, pero animan a quen queira dar pulo a esa posibilidade.