04/12/2020

Pablo ten un soño: unha escola-obradoiro de música

Emprendemento en Barbadás

Pablo Martínez
  • Pablo Martínez é músico, compositor, profesor, director de bandas, lutier, investigador… e todo todo arredor dos instrumentos musicais das bandas de gaitas. Soña con aunar toda a súa experiencia nun proxecto de escola-obradoiro de música, canto e baile tradicional…en Barbadás, onde naceu e vive.

 

  • Explica que Sobrado do Bispo é o berce de todo o movemento musical con bandas de gaitas do concello de Barbadás. Puido xurdir con “Ruque”, un retornado de Cuba que deu pulo as bandas de gaitas, nas que sigue o seu fillo Manolo “o do Ruque”.

  • Nese contexto, Pablo ve como algo normalísimo que con 8 anos el mesmo comezara a tocalo tamboril na escola da Valenzá, e case por casualidade, pasara a probala gaita… e con ela segue.

 

  • Estivo na Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, con 18 anos foi director da banda de Entrimo até os 25 anos, e dende 2012 dirixe a banda Nova Fronteira da Valenzá e Cartelle. Con esta banda participou e participa en festivais en toda España e parte de Europa, e en intercambios con outras bandas.

 

  • Até aquí xa fixo realidade moitos soños, pero aínda hai máis… en Bentraces ten un obradoiro de instrumentos musicais.

 

  • Nese mesmo local aprendeu con Fernando Forneiro a preparar instrumentos para gaiteiros até que un día lle propuxo facerse cargo do taller porque pensaba xubilarse, e ninguén da súa familia quería seguir co oficio.

 

  • Tralo acordo, madeiras almacenadas e clientes, permaneceron, e cambiaron nome e logotipo. Das súas mans saen punteiros, palletas, pandeiretas, tamborís… ca marca “Pablo Martínez” e o logotipo formado por dous roncos cruzados e con borlas.

 

  • E agora quere unir todo o anterior nun proxecto: unha escola-obradoiro de instrumentos para dar clase de pandeireta, canto, baile tradicional e gaita, ademais de obradoiros de fin de semana convertidos en xornadas formativas con persoas coñecidas e con traxectoria no eido musical … aí queda iso.

 

  • O parón comercial imposto pola pandemia deixoulle tempo para investigar na mellora do punteiro, na procura de mellores sons.

 

  • Así, un alumno ourensán do Conservatorio Superior de Vigo deulle pulo para facer cambios que lle dean un punteiro con “un son máis brillante sen consumir máis ar para unha gaita de estudo, de diferentes medidas que a tradicional” que ten case rematado.

 

  • Nestes días non sabe como animar a que os seus veciños e veciñas  pensen en facer algún agasallo musical, e así dar fogar ás 150 pandeiretas que fixo durante o verán, como cada ano, sen prever que mercar instrumentos tamén quedaría ralentizado.

 

 

 

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1729010379

SINGLE.1729010379