19/06/2021
Paqui trouxo La Cigüeña de Barcelona a Barbadás
Emprendemento en Barbadás
- No concello de Barbadás naceron nos últimos 10 anos máis de 1.700 nenos e nenas, e as súas familias e amigos son os potenciais clientes de Francisca Bouza Mármol, “Paqui”, propietaria e artesá en La Cigüeña.
- Estableceuse na Valenzá hai xusto dez anos, na aldea que lle gustou dende que lla descubriu unha amiga… pero chegou con moita experiencia previa en todo tipo de prendas, calzado, complementos, berces… todo o que ten que ver con nenos e nenas dende que nacen até os 6 anos, ou no caso da roupa, até os 10. “Sentí un flechazo inmediato cuando conocí A Valenzá y después de pasar 7 anos en Llobregat (Barcelona), donde llegué a tener dos tiendas, quise volver para seguir con este sector, y tenía que ser aquí, donde también vive mi amiga”, asegura.
- O local de La Cigüeña foi antes pescadería e carnicería, e Paqui deulle o mesmo nome que tiñan os seus locais de Cataluña (La Cigüeña e La Cigonya). Agora ten clientes de Barbadás, Ourense, Verín e Xinzo que atopan no seu espazo “de todo” cunha variedade de estilos e cores que se “adapta a calquera gusto e necesidade”.
- Dende que abriu, ten activo sistema de venta en liña. “Así puiden seguir atendendo a clientes que tiña en Barcelona e Suiza, por exemplo”, aclara.
“Primeiras mascotas” feitas a man
- É consciente de que moitos veciños e posiblemente clientes, non saben que dende 2015 deseña, fai patróns e encarga a unha costureira do seu pobo natal (A Forxa en Porqueira) prendas soltas e algunhas coleccións completas ideadas por ela.
- “Traballamos moitísimo os petos para bebés, xoguetes de trapo, capotas, lazos, vestidos… totalmente adaptados os gustos de cadaquén, como facía en Barcelona, aínda que alí as preferencias son algo diferentes e as familias mercan sempre prendas moi prácticas e cómodas, mentres aquí gustan máis as prendas que axudan aos pequenos a lucirse máis”.
- Paqui notou cambios neses gustos e costumes, sobre todo tralo inicio da pandemia. “Sorprendeume o aumento no número de persoas que escolleron o meu local para as compras, e persoas que non coñecían o meu traballo, comezaron a vir para evitar centros comerciais e tendas grandes”.
- Ao entrar nesta tenda pode parecer que o espazo está desbordado pola mercancía pero en realidade, todo está perfectamente localizado. E a todo o que se pode ver nada máis entrar, de provedores e feito a man, vanse engadindo as que chama “primeira mascota” para recén nados, con formas de animais, en tea e personalizadas co seu nome.
- A taxa de nacementos do concello de Barbadás leva anos no podio galego, encabezado neste momento por Ames (A Coruña), segundo o Instituto Nacional de Estatística. Cunha veciñanza formada por 11.158 persoas, Barbadás é o lugar ideal para tendas como a de Paqui, ou como a de “Carussa Baby”, as dúas con oferta integral para os veciños máis novos.
Décimo aniversario todo o ano
- Paqui comezou a “celebrar” o décimo aniversario de La Cigüeña en marzo con descontos que manterá até que remate 2021. Serán entre o 15 e o 50% que irán variando cada semana ou cada mes.