07/07/2022
Pasos a prol dun parque empresarial
Visita institucional de David Regades.
O Concello de Barbadás recibiu esta mañá ao Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.
- Nun primeiro encontro mantido con membros do grupo de goberno na Casa Consistorial acompañados pola técnica de urbanismo, Rosa Mª Suárez, o noso rexedor, Xosé Carlos Valcárcel, transmitiulle a David Regades, “o proxecto que ten o Concello de Barbadás de dinamizar a actividade económica local coa posta en marcha dun parque empresarial. Falamos dunha zona industrial e comercial, demandada polos empresarios do municipio, dende hai longo tempo, que por motivos diversos non se chegou a efectivizar”.
- David Regades, “amosou a disposición de colaborar co Concello de Barbadás, poñendo a disposición a longa e exitosa experiencia do Consorcio da Zona Franca de Vigo, na xestión de solo industrial e no apoio ao desenvolvemento de proxectos promovidos por administracións locais, empresarios e emprendedores”.
- No Centro Empresarial de Barbadás (CET), tivo lugar un segundo encontro, esta vez participado tamén por directivos e representantes de firmas asentadas no noso territorio.
Xosé Carlos Valcárcel, fixo unha primeira intervención presentando a David Regades e poñendo en antecedentes da situación de necesidade dunha zona industrial para o desenvolvemento do municipio.
- Na súa intervención, Regades detallou os servizos que presta a Zona Franca de Vigo, cuxa área de influencia é todo o noroeste peninsular, ao tecido empresarial (asesoramento xurídico, apoio financeiro, estratexias de internacionalización, de innovación, accións de mentorización…).
- Estar a só dúas horas en tren de Madrid, ter unhas boas comunicacións por estrada, a proximidade co país veciño, ademais de ter un Plan de Urbanismo con solo industrial dispoñible, son algunhas das vantaxes do noso concello que motivan ao desenvolvemento deste proxecto. Un proxecto que, segundo palabras da arquitecta técnica do concello, “ten un inicio na localidade de Bentraces e que se lle podería dar continuidade con un Plan Director acaído e apoiado polo asesoramento da Zona Franca”.
- Empresarios presentes neste encontro, afirmaron o interese en dispoñer dun parque empresarial no noso concello e celebran que haxa disposición por conseguilo.
- A directora do CET, Lucía Rodríguez, amosou o seu agradecemento por contar, para a posta en marcha desta iniciativa, cun socio como é o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Un proxecto ilusionante que aposta polo emprendemento, a estabilización de empresas, a creación de emprego e o desenvolvemento económico do concello.