10/05/2021
Paula e Juan Carlos soñan con recuperar comunidade e cultura da veciñanza de Sobrado
Asociación veciñal "Porta da Cadea" - Sobrado do Bispo

- Paula Rodríguez Araújo é a presidenta da asociación cultural Porta da Cadea aínda que a súa idea inicial era dar pulo a Juan Carlos Arias e algunha persoa máis para que se adicasen o traballo de organización e tramitación de actividades, pero finalmente a asociación arrincou en xuño de 2019 cos dous na directiva.
- A idea xurdiulles de conversas entre veciños, veciñas e amigos e amigas de Sobrado do Bispo, diante da “perda da vida comunitaria” que eles mesmos si gozaron nas súas infancias.
- “Recordo a vida na aldea cando eu era pequena, porén agora os nenos non se xuntan e a idea inicial da asociación era fomentar o encontro entre familias para facer cousas xuntos, tanto os que somos nativos como os que decidiron vivir aquí procedentes de outros lugares”; así de claro o ten Paula.
- A súa vivencia persoal é a de nenos e nenas xogando nos espazos públicos mentres avós e avoas “parolan do mundo” e pais e nais traballan. “Así era en tódolos barrios de Sobrado do Bispo”, asegura.
- A aldea é moi extensa e conformada en “barrios”: Igrexa, Prado, Alén, A Chá do Souto… que teñen cadansúa arquitectura e Historia. Tanta riqueza patrimonial require tamén atención e Paula (propietaria dunha florería contou dende o principio con Juan Carlos Arias Conde (garda civil).
- Ela dá pulo a actividades que contan ca veciñanza de Sobrado mentres el dedícase ademais a investigar, aos poucos, o patrimonio local, con todo o apoio e colaboración de veciños e veciñas e persoas interesadas coma el, neses elementos propios que teñen en abundancia: fotografías familiares, vellas escolas, construcións medievais únicas, testemuñas de historias que van recuperar, tamén a do fútbol, a música…
- Mesmo o nome da asociación alude a vella cárcere do couto medieval de Sobrado do Bispo (desaparecido no século XVIII para integrarse no concello de Barbadás segundo a nova organización administrativa imposta dende a Corte)
Actividades renovadas e vellas festas
- A primeira actividade retomou outra iniciada pola vella asociación veciñal xa inexistente: a Terceira Xuntanza Micolóxica que levou a ducias de persoas aos montes para recoller cogumelos, asesorados polo colectivo “Os Cogordos” . A xornada rematou no campo de fútbol con xantar a base de callos.
- En febreiro de 2020 (poucas semanas antes do inicio da pandemia) celebraron o Entroido. “Era tradición celebrar un xantar veciñal e perdérase, pero puidemos retomalo e esa foi tamén a nosa estrea como comisión de festas, xa que tocounos relevar a anterior”, lembra Juan Carlos. O centenar de participantes degustou un cocido elaborado segundo a receita de Álvaro Cunqueiro recollida no seu libro de cociña , acompañada por música de charanga e sobremesas propias da festa.
- Despois, coa inesperada pandemia, chegou o “Quédate na casa” que convocou de xeito virtual concurso de fotografías, debuxos e contos con bonos para mercar nos comercios de todo o concello, no primeiro domingo de xullo o San Xoán (nesa data para que non cadre co de Barbadás en xuño). Nesta festa os veciños si puideron gozar dun concerto de bandas da Agrupación musical da Limia e do desfile con modelos da aldea, do deseñador local Josu Santos Blancos, tamén veciño.
- O resumo do feito nos case dous anos de vida, lembran tamén as IV xornadas micolóxicas en versión virtual, con concurso de fotografías, debuxos e receitas con cogumelos e xa nas rúas, en dúas prazas de Sobrado do Bispo, a exposición fotográfica “Sobrado no tempo” con imaxes escaneadas dos arquivos familiares e outras atopadas en diferentes lugares. E seguen a xuntar máis polo que haberá máis exposicións.
- Paula e Juan Carlos esperan que se poida celebrar tamén o San Xoán de 2021 e mentres, seguen a traballar na recuperación patrimonial. Contan co apoio de Juan Carlos Forneiro Casas, investigador da Historia de Sobrado do Bispo e a contorna e ca de calquera persoa, veciña ou non, que queira colaborar… o traballo de xuntar e dar a coñecer o patrimonio local é arduo e dá para partillar.
