05/06/2021
Pequenos pilotos de Barbadás representan a Galicia no campeonato de España de Karts 2021
Barbadás quéreo, víveo

- Enzo e Alexandra “Alex” teñen 6 anos, son primos e viven na Valenzá. Hoxe mesmo (até o 6 de xuño) están en Málaga para competir na categoría “Academy” do campeonato de España de “karting”.
- Este ano é o primeiro no que se permite a participación de menores de 7 anos. Eles dous serán os únicos representantes galegos nesa proba e “competirán” con outros dous pilotos de cada Comunidade Autónoma. Na categoría “Academy” todos e todas as participantes levan premio.
- As seguintes datas serán do 2 ao 4 de xullo, en Valencia, entre o 10 e o 12 de setembro en Toledo e do 8 ao 10 de outubro en Zaragoza, sempre co equipo da Escudería Barbadás.
- Con eles adestran Nico, as irmás Valeria e Mara (tamén da Valenzá) e Dani, do concello de Nogueira de Ramuín, para adestrar e xogar xuntos en diferentes instalacións espalladas por toda Galicia, na que se forman e divirten pilotando eses pequenos automóbiles monoplaza.
- Estes nenos e nenas seguen nas súas casas a afección que xa tiveron os seus pais e nais, todos pilotos ou copilotos de automóbiles de competición de maior tamaño e cilindrada.
- Por exemplo, David Figueiredo, pai de Enzo, lembra que o neno comezou a interesarse polo mundo do motor cando tiña 4 anos. “Despois dunha proba na que eu competín como piloto, veu falar comigo todo serio e díxome que quería que eu me retirase porque ía comezar el a correr”. A nai de Enzo, Belén González, é copilota.
- No caso de David, esta afección é habitual na súa familia, pois o piloto José Pavón era primo da súa nai, e o seu pai correu tamén en numerosas probas. “O día que eu nacín el estaba a participar na San Martín, o 19 de decembro de 1970”, relata.
- Pola súa banda, “Alex” comezou a correr cando tiña 5 anos, e segundo o seu pai Marco Antonio Fernández, porque quería probar “e para poder xogar cos outros nenos e nenas que fan karting”.
Adestramentos con moita motivación
- Para adestrar, cada 15 días adican un día en algún dos pequenos circuitos galegos como o de Monterrei (en Pereiro de Aguiar, moi preto da cidade de Ourense), Porriño, Soutelo de Montes, A Pastoriza, As Pontes de García Rodríguez.
- Nun repaso de características, os pais e nais que adestran a estes pequenos, aseguran que en Galicia ningún ten o tamaño e infraestrutura semellante ós circuítos de competición, asegura Marco Antonio.
- Cada kart é revisado continuamente polo equipo familiar, mentres os pequenos pilotos se centran nas súas principais “metas”: estar cos amigos no caso de Nico e Dani, competir e participar nas carreiras para Alex e Mara e para todos, o importante é poder xogar e estar xuntos, e niso concordan cando se lles pregunta.
- Este grupo é a canteira máis nova do “Karting” da provincia de Ourense, e case todos de Barbadás. Pero tamén hai pilotos ourensáns nas categorías para nenos e nenas de máis idade.
