04/03/2024
Preto de 300 persoas inscritas na Carreira pola Igualdade de Barbadás, na que participará a olímpica Adiaratou Iglesias
A primeira edición da Carreira pola Igualdade de Barbadás xa suma preto de 300 inscritos. A iniciativa, que terá carácter reivindicativo e solidario, foi presentada esta mañá no Polideportivo Municipal nun acto ao que asistiu o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde, Victoria Morenza; a concelleira de Igualdade, Elisabeth González; o concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez; a concelleira de Cultura, Marga Pérez; o concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey; a presidenta do Club A Cabra Tira ó Monte, Silvia Arce, e o coordinador do polideportivo municipal, Diego López.
A competición, que será o acto principal da programación do 8M, reivindicará a igualdade e contribuirá a axudar ás persoas máis necesitadas, xa que a recadación das inscricións doarase ao Banco de Alimentos. Debido ao gran éxito de participación, ampliouse o prazo de inscrición e os interesados poderán anotarse ata mañá á noite.
A Carreira pola Igualdade de Barbadás celebrarase o sábado 9 de marzo e sairá ás 11.00 horas do polideportivo municipal, pasando pola avenida de Celanova para rematar no Parque da Liberdade nun percorrido de 4 quilómetros. Na proba poderán participar todas aquelas mulleres, homes, nenas e nenos que o desexen e o percorrido poderá realizarse camiñando, correndo, en cadeira de rodas, andador, bicicleta, patíns ou patinetes.
Fernando González, veciño de Barbadás diagnosticado cun mieloma múltiple (cáncer de sangre) e que protagoniza unha gran historia de superación, será o encargado de abrir a carreira nunha bicicleta adaptada xunto a olímpica Adiaratou Iglesias. A cantante Carolina Rubirosa, que reivindica a igualdade nas súas cancións, tamén asistirá e ofrecerá, xa pola tarde, un concerto na Casa da Cultura.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, insiste na importancia desta iniciativa para reivindicar a igualdade en todos os ámbitos e, especialmente, no que se refire ás competicións deportivas, destacando os éxitos recentes de deportistas como Ana Peleteiro ou as futbolistas da Selección Española. “A muller debe participar en igualdade en todas as competicións deportivas. Esta será unha xornada para reivindicalo e tamén para mostrar a nosa solidariedade, xa que a recadación das inscricións destinarase ao Banco de Alimentos”.
A concelleira de Igualdade, Elisabeth González, insistiu en que con esta iniciativa preténdese fomentar a participación das mulleres no deporte e agradeceu a implicación “de todos aqueles traballadores do Concello e aos voluntarios e voluntarias que dende o primeiro momento puxeron ao noso dispor a vontade e o esforzo para sacar a carreira adiante”.
O concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, subliñou que non se trata de competir, xa que non é unha proba deportiva senón unha carreira reivindicativa polo 8M. “Non haberá dorsal, nin cronometraxe, nin clasificacións, un dos obxectivos da carreira é que todos os participantes poidan facer a proba xuntos”, engadiu.
Os patrocinadores desta Carreira pola Igualdade de Barbadás son CIE Galfor, Jofisa, Inorde, Frutas Josefa, Hípica Celta, Panadería Alento, Papelga, Carnes Marabú e Froiz.
A programación do 8M estenderse en Barbadás durante tres meses. Así, para o 8 de marzo organizouse un recital de poesía na Casa da Cultura Manuel María, a partir das 20.00 horas. O día 9 de marzo, a partir das 20.00 horas, Carolina Rubirosa ofrecerá un concerto na Casa da Cultura. Para os meses de abril e maio organizouse un ciclo de educación afectivo-sexual que se levará a cabo nos colexios O Ruxidoiro, Filomena Dato, Luis Vives e no IES Ferro Couselo.