26/06/2024

Preto de 400 veciños e veciñas do rural de Barbadás recibiron os seus equipos de compostaxe para a xestión de residuos orgánicos

Preto de 400 veciños e veciñas do rural de Barbadás xa recibiron os equipos de compostaxe para a xestión de residuos orgánicos. O Concello mantén unha firme aposta polo desenvolvemento sostible e esta mesma tarde entregáronse no CET medio cento destes packs que inclúen o composteiro e o aireador. Foi despois dunha interesante sesión informativa sobre a reciclaxe na que se explicaron datos curiosos como que os caracois son aliados da compostaxe ou que as arañas actúan como a policía de control de pragas dentro do composteiro.

Á charla asistiu o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde, Victoria Morenza; a concelleira de Participación Veciñal, Ana Belén Peleteiro, e o edil de Disciplina Mediomabiental, Dani Rey. O rexedor animou á poboación a unirse a esta campaña e destacou que Barbadás é pioneiro na compostaxe doméstica repartindo dende o 2017 case 400 composteiros. Morenza insistiu en que Barbadás é o primeiro concello da provincia en implantar o contedor marrón na zona urbana e fixo un chamamento á concienciación.

Durante a sesión tamén se anunciou que os veciños e veciñas de Barbadás poden solicitar o uso da biotrituradora da que dispón o Concello para obter o estruturante para a compostaxe e o edil de Disciplina Medioambiental, Dani Rey, anunciou que os restos das podas, ao redor de 10 metros cúbicos de biomasa, trituraranse para poñelos a disposición da veciñanza.

Todas as persoas que desexen recibir o seu equipo de compostaxe deben inscribirse previamente a través da web https://barbadas.rsu.gal/, reservando así o material. A iniciativa tamén incluirá un seguimento ao longo do ano 2024.

Esta campaña conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Máis información a través do teléfono 647 521 464 ou do correo residuos@barbadas.es.

 

Novas

CONTENT.1728533881

SINGLE.1728533881