25/04/2025
Preto dun centenar de alumnos dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro participan no Día da Bici

- A actividade forma parte do proxecto Camiño Escolar/Ruta Catalina
- O obxectivo é concienciar ás familias sobre a utilización da bicicleta como medio de transporte ecolóxico e saudable
Preto dun centenar de alumnos de 6º de Primaria dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro fixeron súas as rúas da Valenzá este xoves con motivo do Día da Bici. A iniciativa, dirixida a escolares do municipio, está impulsada pola Concellería de Educación, en colaboración coa Dirección General de Tráfico (DGT).
O obxectivo do Día da Bici, enmarcado no proxecto Camiño Escolar/Ruta Catalina, é concienciar ás familias sobre a utilización da bicicleta como un medio de transporte ecolóxico, seguro e saudable. “Ir en bici ao colexio é divertido, axuda a desenvolver a independencia, fomenta a actividade física e mellora a saúde mental da rapazada”, explica Marga Pérez, concelleira de Educación.
Os pequenos ciclistas percorreron diversas rúas da Valenzá, tanto no tramo urbano coma ao carón do río. O concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, encargouse de guiar a actividade, na que tamén participaron docentes dos centros escolares. A Policía Local de Barbadás e Protección Civil Barbadás ocupáronse de garantizar a seguridade dos participantes durante toda a proba.
A actividade tamén contou coa presenza de Estrella Garrido Calviño, xefa de sección de Seguridade Vial na Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, quen fixo fincapé na importancia de respetar a normativa vial. “Ao coller a bici, vós tamén sodes condutores, e é moi importante conducir de forma segura e responsable”, explicoulle á rapazada.