30/05/2024
Preto dun cento de docentes percorrerán este sábado os espazos vitais e literarios de Carmen Martín Gaite en Piñor
Despois do éxito acadado o pasado mes de maio polo paseo literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, no que participaron máis dun cento de persoas, a escritora universal volverá a ser protagonista esta fin de semana en Barbadás cun roteiro polos seus espazos vitais e literarios dirixido a profesorado. O CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) incorporou este roteiro ao seu Plan de Formación para este curso 2023-2024. O relator desta actividade, na que participarán preto dun cento de docentes, será de novo o profesor David G. Couso.
A xornada constará de dúas partes. Pola mañá, dende as 10.00 horas, realizarase o xa tradicional paseo literario polo núcleo de Piñor, tal e como consta no panel inaugurado o pasado 11 de maio. As lecturas de fragmentos de Las ataduras, Retahílas e El pastel del diablo ilustrarán as explicación da influencia de San Lorenzo de Piñor (Trimonte para Carmiña) na obra da escritora.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas, terá lugar a subida ao Tangaraño, do que tantas referencias se atopan nas obras de Martín Gaite, con especial atención a Retahílas. Trátase dunha actividade que incita ao goce do camiño ao aire libre na procura dun interlocutor dende a literatura.
Programa de actos para o seu centenario
Que Carmen Martín Gaite, escritora universal, gañadora do premio Príncipe de Asturias e unha das plumas máis recoñecidas en lingua española, teña o lugar que se merece en Barbadás é o obxectivo que levou ao Concello a elaborar un proxecto para o seu centenario que erixirá a Piñor na capital do universo literario e vital da escritora.
A iniciativa xa conta co respaldo do Ministerio de Cultura. O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde e impulsora do proxecto, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, reuníronse co secretario de Estado de Cultura, Jordi Martí, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez. O encontro foi moi positivo, xa que o Ministerio manifestou a súa aposta por ensalzar a figura de Martín Gaite, especialmente no seu centenario, e con San Lourenzo de Piñor como epicentro.