01/02/2024
Preto dun cento de escolares participaron na Regueifa de Compadres que inculca aos máis pequenos a tradición do Entroido
Transmitir a tradición do Entroido aos máis pequenos é un dos principais obxectivos da programación que elaborou o Concello de Barbadás e así quedou demostrado esta mañá. Coa Praza Vella da Valenzá como escenario celebrouse unha Regueifa de Compadres, na que participaron preto dun cento de escolares dos CEIP O Ruxidoiro e Filomena Dato e puideron mostrar os bonecos que prepararon nestes últimos días nos obradoiros organizados dende a concellería de Educación.
Os nenos e nenas volverán a ser protagonistas do Entroido de Barbadás o 8 de febreiro, cando se celebrará a Regueifa de Comadres. Tamén no desfile infantil do 9 de febreiro, no que participarán 1.200 escolares.
Esta fin de semana, Barbadás reivindicará o Entroido máis tradicional coas Mascaradas Ancestrais. As máscaras das Señoritas e Labardeiros de Mugares (Toén) percorrerán o casco vello de Barbadás, este sábado a partir das 17.00 horas. O desfile estará acompañado do Folión Os Trebóns e rematará cunha festa no Museo da Gaita de Fole.
Esta é a programación detallada para os próximos días:
2 de febreiro: Obradoiro de Gorros de Labardeiros no Museo da Gaita. 17.00 horas.
3 de febreiro. Mascaradas Ancestrais. Dedicada ás Señoritas e Labardeiros de Mugares. Pasarrúas amenizado polo folión Os Trebóns.
7 de febreiro: Masterclass especial de Entroido. Polideportivo municipal. 20.00 horas.
8 de febreiro: Regueifa de Comadres. Praza Vella da Valenzá. 12.30 horas.
9 de febreiro: Desfile infantil e do Centro Ocupacional das Burgas pola avenida de Celanova. 12.00 horas.
Pregón con Improversados e sesión disco-móbil. 20.00 horas
Cea de comadres nos establecementos hostaleiros. 21.30 horas.
Festa con Gramola Disco. 23.00 horas.
12 de febreiro: Festa e concurso de disfraces infantil. Parque da Solaina. 16.00 horas.
Photocall especial do Entroido amenizado por DJ. Casa da Mocidade. 18.00 horas.
13 de febreiro: Gran desfile de Entroido. Avenida de Celanova. 17.00 horas.
14 de febreiro: Desfile fúnebre e queima dos Mecos. Avenida de Celanova. 20.00 horas.
Espectáculo de danza aérea con lume e fogos artificiais. Praza Vella da Valenzá. 21.00 horas.
Ademais, organizouse un Concurso de Mecos no que se repartirán 600 euros en premios e os interesados poden consultar as bases na páxina web do Concello de Barbadás.