16/09/2024

Preto dunha vintena de entidades participarán no Paseo da Saúde de Barbadás para dar visibilidade ás enfermidades e ao seu labor

A mobilidade é saúde. O recalcou o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da cuarta edición do Paseo da Saúde que se levará a cabo este venres 20 de setembro na avenida de Celanova. Por iso esta iniciativa enmárcase dentro da programación desta Semana da Mobilidade e os detalles déronse a coñecer esta mañá na Casa da Mocidade. Ademais do rexedor, no acto interveu a tenente de alcalde, Victoria Morenza; o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey; o presidente de Alcer Ourense, Miguel Ángel Quintas, e a vicepresidenta da Asociación Por eles TEA, María Losada.

Á presentación do Paseo da Saúde de Barbadás tamén asistiron representantes das diferentes asociacións participantes, preto dunha vintena: Afaor, Alcer, Auria, Aecc, Aodemper, Por Eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de celíacos de Galicia, DCA Ourense, AFEM-Morea, ASEIA Galicia, Fundación Neuroburgas, ONCE e Asociación Galega de Covid Persistente.

Xosé Carlos Valcárcel insistiu en que “o máis importante para ter boa saúde é a prevención” e explicou que o que se pretende con esta iniciativa “é dar a coñecer o traballo tan fundamental, e tantas veces esquecido, das asociacións que traballan para atender aos enfermos e enfermas de diferentes patoloxías e tamén ás súas familias”.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliñou a relevancia de que Barbadás se sume con iniciativas como o Paseo da Saúde á Semana da Mobilidade: “Moitas das actividades programadas esta semana van dirixidas á infancia e aos mozos e mozas, que son o noso futuro”.

Cómpre destacar que con motivo do Paseo da Saúde, dende primeira hora da mañá a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Barbadás instalará unha carpa na avenida de Celanova para que os nenos e nenas coñezan o seu traballo e os materiais e vehículos que empregan nas diferentes intervencións nas que prestan axuda. O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, anunciou que no día de hoxe e mañá achegaranse aos colexios para fomentar a mobilidade saudable co uso da bicicleta ou o patinete. “Tamén é moi importante a formación e por iso ofreceremos charlas no Paseo da Saúde”, engadiu o edil.

O presidente de Alcer Ourense, Miguel Ángel Quintas, agradeceu ao Concello a organización do Paseo da Saúde, “que é moi importante para que se coñezan as enfermidades renais e se insista na prevención para non ter que chegar á diálise”. A vicepresidenta da Asociación Por eles TEA, María Losada, tamén subliñou a relevancia deste iniciativa “que nos permite dar a coñecer á sociedade o traballo que facemos”.

A programación da Semana da Mobilidade de Barbadás comezou hoxe e estas son as actividades previstas:

Hoxe, luns 16 de setembro, a programación desenvólvese no CEIP Filomena Dato cun circuíto viario e a mochila viaxeira para que os nenos e nenas se comprometan a escoller libros na biblioteca e compartilos cos seus compañeiros e compañeiras. Estas dúas actividades trasladaranse ao CEIP O Ruxidoiro o martes 17 de setembro. A obra teatral “De camiño ao cole con Matías” representarase o mércores 18 de setembro na Casa de Cultura Manuel María e haberá pintura na rúa de 17.30 a 19.30 horas na avenida de Celanova.

O xoves 19 de setembro programouse unha xincana ciclista e de patinetes no Paseo dos Amieiros, a partir das 17.30 horas. Ademais, dende o polideportivo municipal sairá unha andaina saudable ás 19.00 horas.

Unha nova edición do Paseo da Saúde, no que colaboran asociacións do ámbito sanitario, programouse para o venres 20 de setembro na avenida de Celanova. Os veciños e veciñas poderán coñecer de primeira man o traballo das entidades que axudan a enfermos de diferentes patoloxías.

A programación continuará durante a fin de semana e o sábado 21 de setembro haberá unha competición de deportes de raqueta nas canchas da Solaina, a partir das 11.30 horas. Con motivo do Día Mundial sen coches, o domingo 22 de setembro o transporte urbano será gratuíto.

Novas

12/10/2024

As obras de mellora do firme nas Rúa Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato chegan ó seu tramo final

12/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Culturais do Concello de Barbadás

2024-Banner-Subvención asociacións culturais - concello de Barbadás

Prazo de presentación, 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

11/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Veciñais do Concello de Barbadás

2024-Convocatoria de Subvención asociacións veciñais - 2024 - concello de Barbadás

Presentación de solicitudes: 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

CONTENT.1728864375

SINGLE.1728864375