29/05/2024

Preto dunha vintena de establecementos participan este venres na Noite Moucha de Barbadás con descontos especiais

Dar impulso ao comercio local de Barbadás é o obxectivo que persegue o Concello coa organización da Noite Moucha, presentada esta mañá na avenida de Celanova, que será o epicentro dun amplo programa de actividades. Preto dunha vintena de establecementos súmanse á iniciativa con descontos especiais, animación e un horario de apertura que se estenderá ás 23.00 horas.

No acto de presentación, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, explicou que os establecementos sacarán os seus produtos á rúa “e demostrarán así todo o potencial que ten o comercio de Barbadás, que debe ser sempre a primeira opción para mercar”. Tamén animou a toda a cidadanía a participar na Noite Moucha, que inclúe actividades para os máis cativos e para realizar en familia, como unha xincana.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, asegurou que a Noite Moucha é unha aposta estratéxica do Concello de Barbadás para “dinamizar o comercio local e favorecer a socialización dos veciños e veciñas, ofrecendo propostas para todos os públicos”.

Un gran sorteo de agasallos

As actividades da Noite Moucha de Barbadás comezarán ás 18.00 horas na avenida de Celanova e haberá inchables, baile, globoflexia ou mesas doces, entre outras propostas. Está previsto que ás 22.00 horas se leve a cabo un gran sorteo de agasallos e para participar, os clientes deberán completar as cartillas que se facilitarán nos comercios que forman parte da iniciativa e que son os seguintes: Fisioremove, Twins, Twins Men, Elma, La Cigüeña , Calzados Zocos, Herbolario Gaia contigo, Bel Moda e complementos, Ohana Baby, Ohana Deco, Librería A Valenzá, Donicela, Librería Carlin, Más que un sueño, MVT Galicia e Artelandia Ocio Creativo.

Comercio, Novas

CONTENT.1721448209

SINGLE.1721448209