16/08/2022
PROGRAMA CULTURAL DE VERÁN
Cartel Rilla Rilla de Xarope Tulú
Ímos avanzando no Programa Cultural Barbadás é Cultura cunha nova actuación, trátase da Compañía XAROPE TULÚ que nos presenta o espectáculo “RILLA RILLA”; será coma sempre no Parque dos Patos (A Valenzá), o Xoves 18 de Agosto, ás 21h.
Sinopse:
Benvidas ao concurso sobre a lingua onde apañamos as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo nos ha facer viaxar entre valumada . Se non oístes falar do cínefre, ou non sabedes o que é un día de garabullos, se nunca se pousou en vós unha lagáchima, andade atentas!
Abride ben os ouvidos e deixádevos levar por esta música de salitre. Remangade ben o pantalón, que para apañar palabras é preciso mollar os pés!
Preparádevos para recoller eses vocábulos que case nunca medran nos libros.
Se queredes saber o que significa rilla-rilla, poñede atención…
Rilla-rilla é un espectáculo dirixido a todos os públicos, que tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. A través do relato irémonos mergullando nun mundo de rotacismos, un lugar con idiosincrasia propia que estivo aí sempre e ao que poucas veces lle poñemos atención. As ondas e o salitre hannos levar ao lugar das palabras esquecidas.
Rilla-rilla é un espectáculo dinámico onde o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento.
Teatro interactivo | Público infantil e familiar (+6 )| 50 Min.
Organiza: Concellaría de Cultura Barbadás