15/01/2026

Protección Civil Barbadás intensifica a súa actividade e pecha 2025 con 1.774 atencións

  • As actuacións relacionadas con mantemento, coas áreas sociais do concello e con operativos programados supoñen o groso do servizo
  • “Desde 2023, asumimos tanto funcións de emerxencias como de Protección Civil como de incendios forestais, na parte preventiva e na de extinción”, detalla o concelleiro Daniel Rey

A área de Emerxencias e Protección Civil do Concello de Barbadás reforzou a súa actividade durante o 2025 cun notable incremento das súas atencións. Se o servizo rexistrara en 2024 un total de 1.015 actuacións, no 2025 a cifra aumentou ata as 1.774, preto do dobre. O equipo humano, composto por unha trintena de profesionais entre persoal remunerado e voluntario, realizou máis de 10.000 horas de atencións no último ano.

Daniel Rey, tenente alcalde e edil de Emerxencias, dá conta da ampliación dos servizos atendidos pola Concellería nos últimos anos. “Desde 2023, asumimos tanto funcións de atención de emerxencias como de Protección Civil como de incendios forestais, na parte preventiva e na de extinción”, detalla. Rey pon en valor o labor “encomiable” desempeñado polo xefe da agrupación e polo persoal e sinala a gran “profesionalidade” de todo o equipo: “Un profesional é quen sabe exercer o seu traballo dun xeito acaído, sexa voluntario ou remunerado”. 

Actualmente, a Concellería de Emerxencias traballa de xeito transversal co resto de áreas municipais. Nesa liña, en 2025 as actuacións relacionadas con mantemento e coas áreas sociais do Concello foron as intervencións máis comúns, cun total de 460 entre xaneiro e decembro. “Protección Civil colabora con Asuntos Sociais en domicilios, en eventos divulgativos, con Saúde en atención a primeiros auxilios cando os recursos sanitarios están desbordados…”, explica Rey.

Os operativos programados son o segundo servizo máis frecuente, con 392 durante o pasado ano. Esta categoría inclúe os dispositivos especiais de Entroido e Nadal ou de eventos de asistencia masiva como o Rally Mix Barbadás, a romaría de San Bieito de Cova do Lobo, a Cavernícola Race ou as Festas da Valenzá.

As intervencións con animais (277), os operativos preventivos de risco (129) e as atencións en accidentes viais (107) completan o listado das actuacións máis habituais de Protección Civil. 

Por outra banda, cabe destacar o incremento dos servizos vinculados a incendios no 2025, sobre todo durante a vaga de lumes que asoballou a provincia o pasado mes de agosto. Protección Civil acudiu a un total de 73 incendios ao longo do ano, dos que medio centenar eran forestais. As alertas de avespa velutina, pola súa parte, seguen reducíndose no municipio, na mesma liña que en 2024. O servizo atendeu 69 avisos deste tipo o ano pasado, preto dunha vintena menos que no exercicio anterior. 

Equipamentos e vehículos

Ante o aumento da actividade de Protección Civil, o Concello de Barbadás reforza o investimento en equipamentos de intervención e en equipamentos de protección individual. “Ninguén pode axudar aos demais se non está protexido adecuadamente”, recorda Daniel Rey. 

A previsión do goberno local é seguir mellorando as instalacións, vehículos e equipamentos do servizo durante 2026. Nesta liña, o Concello solicitou unha subvención para a mellora da eficiencia enerxética do edificio base de Protección Civil, ademais de contemplar o investimento en sistemas de comunicación e materiais necesarios. “Tamén imos solicitar a colaboración da Xunta para renovar os vehículos”, engade o concelleiro.  

Novas

CONTENT.1770877840

SINGLE.1770877840