12/12/2023

Protección Civil de Barbadás amplía o seu equipamento para a atención de emerxencias cun kit de ferramentas eléctricas

365 días ao ano e 24 horas ao día están ao servicio da cidadanía os voluntarios de Protección Civil de Barbadás. O Concello valora enormemente o seu “imprescindible” traballo e por iso aposta por mellorar o seu equipamento para a atención das emerxencias. O equipo recibirá un kit de ferramentas eléctricas que será de gran utilidade nas incidencias e que inclúe unha amoladora, serra sable, motoserra, taladro percutor, miniarrancador e un pack de baterías e cargadores. Estas ferramentas poderán ser empregadas para apertura de portas ou accesos forzados, entre outras actuacións.

O Concello de Barbadás é un dos beneficiarios da entrega de equipamento que realiza a Xunta de Galicia en función do traballo e dispoñibilidade da agrupación de voluntarios de Protección Civil. Cómpre destacar que este equipo leva xa oito anos consecutivos recibindo material de diferentes características para a atención de emerxencias, un feito que confirma o bo traballo que desempeñan os voluntarios.

O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, asegura que a agrupación de Barbadás é “unha das máis destacadas de Galicia polo seu incesante traballo, que se ve recompensado con estas achegas de material”.

O Concello de Barbadás subliña o relevante traballo de Protección Civil e seguirá apostando pola mellora de equipamento, instalacións e vehículos do servizo, tanto con medios propios como solicitando as achegas da Xunta de Galicia e doutras administracións.

 

 

Novas

CONTENT.1726132057

SINGLE.1726132057