17/03/2025
Protección Civil de Barbadás recibe un kit de material loxístico de seguridade vial

- Este tipo de axudas, adxudicadas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, concédense en réxime de concorrencia competitiva, o que amosa a capacidade de traballo de Protección Civil Barbadás
O equipo de Protección Civil de Barbadás vén de recibir un kit de material loxístico de seguridade viaria que facilitará o seu traballo nas emerxencias en carreteira. O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, acompañado polo xefe de Protección Civil, David Corbal, e o voluntario David Barbosa, acudiu ao acto de entrega do material correspondente á Orde do 22 de xullo de 2024 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.
Este tipo de axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, o cal amosa o bo traballo desempeñado polos voluntarios de Protección Civil de Barbadás, que recibe material por décimo ano consecutivo. O novo kit permitirá realizar intervencións viarias con maior seguridade, non só para os voluntarios da agrupación, senón tamén para condutores e peóns.
O acto de entrega, realizado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) na Estrada, contou ca presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, así como alcaldes, concelleiros e voluntarios das agrupacións adxudicatarias.
O Concello de Barbadás pon en valor o relevante e incesante traballo de Protección Civil, e nesa liña seguirá apostando pola mellora de equipamento, instalacións e vehículos do servizo, tanto con medios propios como solicitando aportacións da Xunta e demais administracións.