19/03/2020

Punto de recollida fixo en Ourense de mostras para o test COVID-19

COMEZA A FUNCIONAR EN OURENSE UN PUNTO FIXO DE RECOLLIDA DE MOSTRAS PARA O TEST COVID-19

O día 18 de marzo pola tarde comezou a funcionar no Hospital Universitario de Ourense, un punto fixo de recollida de mostras para o test de COVID-19, que permite minimizar os riscos de contaxio e optimización dos limitados equipos de protección individual (EPIs) garantindo a seguridade persoal que realiza esta labor e a dos pacientes, que non teñen nin que baixar do coche para realizar a proba.

O novo dispositivo facilita a recollida de mostras daqueles pacientes con poucos síntomas e autonomía que, tras ser entrevistados ou explorados, son sospeitosos de contaxio polo novo coronavirus, dacordo cos protocolos establecidos, aos que se lles envía, vía SMS, a hora da cita e o punto exacto ao que deben acudir, axuntándolles tamén as coordenadas do punto.

Para acceder ao punto de recollida habilitouse un circuito de entrada e saída perfectamente sinalizado, na traseira do Edificio Santa María Nai, nunha zona alonxada das áreas asistenciais ou de afluencia doutros pacientes, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se procesa a mostra, quedando toda a información reflectida na súa historia clínica electrónica.

Con este punto fixo a Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras reforza o traballo dos seus cinco equipos de recollida de mostras a domicilio, formados cada un por un profesional de enfermería e un técnico en coidados auxiliares de enfermería, unidades que seguirán traballando para achegarse aos pacientes con residencia en puntos alonxados da cidade, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

O novo sistema, coordinado polo Servizo de Medicina Preventiva, ao igual que o resto de unidades a domicilio, permite axilizar os tempos de recollida da mostra ao posibilitar que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos EPIs, xa que, mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, neste caso, os profesionais so precisan un único equipo por quenda de traballo, e diminuense tamén os riscos ao realizarse de xeito individual e nun espazo aberto con só baixar a xanela do vehículo.

O novo sistema posto en marcha onte en Ourense, e que ven de implantarse en Vigo e Lugo, estenderase os próximos días ao resto de Áreas Sanitarias de Galicia, e supuxo un reto loxístico dos servizos de Medicina Preventiva, Microbioloxía e especialmente das Direccións de Recursos Económicos e Enfermería, que foron quen de poñelo en marcha en Ourense en menos de 24 horas.

O punto estará en funcionamento en horario de mañá e tarde, tódolos días da semana, incluídosfins de semana e festivos, para dar resposta ao incremento da demanda de recollida de mostras,desde o inicio da pandemia, sempre que sexa preciso.

Unha vez máis a dirección da sanidade pública de Ourense desexa destacar que, froito da excepcionalidade da situación que vivimos, cada día xurden novas iniciativas asistenciaisalternativas, co obxectivo de protexer a poboación nesta situación excepcional.

Noticias

CONTENT.1600521412

SINGLE.1600521412