26/03/2021
Emilio trouxo dende Caracas o “Chicote” de Barbadás
Emprendemento en Barbadás

- Emilio de Francisco de Jesús emigrou en 1983 como fixeran pouco antes outros veciños e veciñas seus de Gorgua (Padrenda). Atopou o seu primeiro traballo na capital de Venezuela no restaurante/marisquería “Chicote”, de Caracas.
- “Foi a miña primeira oportunidade para traballar alá e tratáronme moi ben así que cando volvín, puxen ese nome ó meu primeiro restaurante como agradecemento a Benito Álvarez que foi o que me botou unha man cando o necesitaba”, relata.
- Na emigración, Emilio viviu tamén en Maracaibo onde abriu, con dous socios, un bar/panadería e unha tasca chamada “O Picoteo”. Con Adao de Souza Barbosa e José Pinheiro mantén esa sociedade, pero hai 22 anos que Emilio decidiu volver e “comezar unha nova vida”.
- Estableceu a súa casa nas Lamas, traballou no bar “Picoteo” e abriu na Valenzá 2 tendas tipo “todo a cen” chamadas “Regalart” que pechou cando “chegou a competencia dos bazares chinos”.
- “Pola miña experiencia, sabía que estar á fronte dun restaurante é moi duro e non contaba facelo de novo, despois de Venezuela, pero o dono do local “O Padriño” da Valenzá veu ofrecermo con insistencia, e sorprendentemente para min, aceptou a contra-oferta que lle fixen”.
- Hai sete anos dese acordo, e Emilio aínda tardou cinco meses en decidirse a abrir, pois o seu interese era alugalo para que outra persoa abrise o negocio. Pero non apareceu ninguén interesado e, finalmente, o que fora restaurante “O Padriño” pasou a chamarse “Chicote” (como aquel de Caracas) cando por fin se decidiu a refórmalo e abrilo el mesmo.
Menú, tapas e carta permanentes
- A aposta de Emilio foi pola cociña “tradicional e típica”, con receitas aprendidas da súa nai, que segue a ser a persoa que consulta para a cociña.
- Para explicar a boa marcha do “Chicote” , fala de que os pratos son abundantes “e fixéronse famosos en Ourense por ese detalle”, pero é a súa filla Emily a que deu co “segredo”: “moita organización na cociña”.
- E así se ofrece un menú que da a escoller cada día entre 7 primeiros e 7 segundos (sempre os mesmos) e outros especiais como a fabada dos mércores, os callos dos xoves ou o cocido de cada venres.
- A carta e as tapas tamén son elaboracións fixas porque polo momento, “se funcionan para que cambialas”, asegura Emilio. As máis pedidas pol@s comensais son entrecot, chuleta, salpicón de marisco de bacalo “á portuguesa”.
- A “estrela” da súa cociña é o cocido que cada venres reúne ducias de comensais na terraza que da a avenida de Celanova, a que ten cara un lateral e os dous espazos interiores dos que dispón o seu local. Nestes tempos de pandemia e precaucións, as mesas están separadas por mamparas.

Foto: Rosa Veiga