09/10/2021

Restaurar e construir imaxes, oficio de José e Lucía Garrido e da súa familia hai cen anos

Emprendemento en Barbadás

Lucía e José Garrido, restauradores en Barbadás
  • Lucía é restauradora e bisneta de Eliseo Garrido, un dos catro irmáns Garrido coñecidos como “Os Escultores de Parderrubias  ( José, Manuel, Eliseo e Modesto) que no primeiro terzo do século XX abriron serradoiro, muíño, ultramarinos e obradoiro de escultura relixiosa en Parderrubias  (A Merca).

 

  • O pai de Lucía, José Garrido (Luis para a familia) é restaurador dende que seu pai retornou de Francia, onde traballou de pintor de paredes despois de deixar o seu traballo anterior de restaurador cerca de Celanova.

 

  • “Ao volver da emigración, meu pai Celso recuperou seu antigo traballo e aprendín con el no taller que abriu na Avenida de Portugal, en Ourense”, lembra José “Luis”. Entre os traballos de Celso, José lembra o retablo que construíu para a capela de San Bieito de Cova de Lobo, en Parada, trala retirada do vello.

 

  • O obradoiro pasou despois a Barbadás onde leva máis de 25 anos. Hoxe, José comparte o espazo de traballo coa súa filla Lucía, diplomada no 2008 en Pontevedra, e xuntos seguen co oficio iniciado pola súa familia na Merca, máis de cen anos antes.

 

  • “A restauración sempre me pareceu interesante pois na casa vía os traballos do meu pai e do avó e agora son eu a que se encarga da limpeza das pezas que hai que restaurar, da recuperación cromática, eliminación de vernices, mentres meu pai se encarga dos traballos estruturais como revisión de ancoraxes, suxeición de imaxes, reposición de pezas perdidas, pero tamén crea imaxes cando ten tempo libre, ou fainas por encargo”, detalla Lucía.

 

Restauran e tamén constrúen

  • Entre ela e o seu pai manteñen as liñas de traballo comezadas na Merca, cando os antecesores tamén conxugaban a restauración coa creación de imaxes novas, a demanda e con materias diversas (madeira, pedra…).

 

  • Así, o avó de José fixo o retablo maior da parroquia do San Xoán en Barbadás (tralo incendio que destruíu o anterior nos anos 30), o retablo mayor de San Lourenzo de Piñor e os os dous retablos laterais da igrexa parroquial da Manchica (na Merca)

 

 

  • Tamén adica algún tempo a pezas que fai para si, e as súas favoritas as que talla en madeira e van quedando nos andeis do Obradoiro.

 

  • Lucía non fai traballos de creación como o seu pai, e di sentirse moi satisfeita cos de restauración. “Non me chama a atención nada que non sexa policromar, estofar e facer limpezas previas”, detalla.

 

  • Esas foron as tarefas que fixo no retablo maior da parroquia de Santiago de Cangas do Morrazo, de 1745,  que lembra como “enorme, con cen metros cadrados para restaurar e imaxes a tamaño real, como a do cabalo do Apóstolo Santiago”.

 

  • En Cangas, José fixo os traballos de carpintería para recuperar volumes e repoñer pezas, como unha dun anxo, e a súa filla os de eliminación de pragas e vernices e de restauración cromática.
    Tamén traballaron xuntos no ano 2015  no Retablo das Virtudes, e antes, nos portacirios da igrexa parroquial de San Bernabé, na Valenzá, nos que José torneou e Lucía dourou.

 

 

  • Preto de casa, Lucía lembra a “especial ilusión” que lle fixo restaurar o retablo lateral de San Ramón na igrexa de San Munio da Veiga (concello de A Bola), do século XVIII . “O noso foi o primeiro traballo de restauración nese retablo dende que foi construído polo seu autor”.
LUCÍA E JOSÉ NO SEU OBRADOIRO DE BARBADÁS.
RESTAURACIÓN GARRIDO. Lucía e José no seu obradoiro de Barbadás.  Foto ROSA VEIGA

 

“Urxe conservación preventiva”

  • José e Lucía pasan os días rodeados polo seu traballo e senten mágoa polo que se perde. “Nas bodegas e casas reitorais está a perderse moito patrimonio que apodrece día a día así que é necesaria moita actuación de conservación preventiva”.

 

  • Pola súa banda, Lucía concorda co seu pai e subliña a necesidade de “revisar drenaxes e tellados nas parroquias para controlar humidades e pragas que derrúen o patrimonio que conteñen”.

 

  • En concreto, consideran que habería que restaurar o teito artesanado “fantástico” da igrexa románica parroquial de Trasalba (Amoeiro) que, segundo Lucía, vaise perder, aínda que o resto da igrexa “está ben coidada”.

 

 

  •  Agora, o seu taller está parcialmente ocupado por figuras e un gran reclinatorio de madeira de castiñeiro, procedentes da igrexa parroquial de Caión (no concello coruñés da Laracha), entre outras.

 

  • O xeito de contactar con eles é por teléfono, a través das redes sociais ou da súa web.

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1713558928

SINGLE.1713558928