05/12/2018
Resumo de actuacións de Protección Civil ante a vespa velutina en Barbadás
PROTECCIÓN CIVIL ATENDE 130 AVISOS PARA ATENDER INCIDENCIAS POLA PRESENZA DE VESPA VELUTINA
O responsable do Servizo de Emerxencias e PC de Barbadás, Daniel Rey informa que “se invertiron un total de 190 horas de traballo e participaron un total de 12 operarios, ben do servizo ou ben voluntarios”
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Barbadás recibiu dende principios do ano 2018 un total de 130 avisos para intervir pola presenza da praga da vespa velutina.
- Os avisos foron recibidos a través do 012 nunha porcentaxe do 60 por cento, en tanto que o 40% restante correspondeu a chamadas de particulares ou de representantes municipais.
- Protección Civil efectuou 115 intervencións derivadas da praga da vespa velutina, “das cales 98 foron consideradas de prioridade máxima por estar localizadas en puntos críticos, pretos de lugares de pública concorrencia ou vivendas particuales”, explica Daniel Rey, responsable de Protección Civil de Barbadás.
- O protocolo de actuación ante un aviso é o seguinte, indica Daniel Rey: primeiro recíbese o aviso, presenza de Protección Civil para a súa comprobación no mesmo día e decídese o grao de prioridade. Posteriormente actúase se pode ser no mesmo día e sempre en horario nocturno, destaca Rey.
- As actuacións son levadas a cabo polos membros do servizo e os voluntarios da agrupación.
- Rey informa que “se invertiron un total de 190 horas de traballo e participaron un total de 12 operarios, ben do servizo ou ben voluntarios”.
- O responsable de Protección Civil de Barbadás enumera os medios técnicos e materiais para levar a cabo as intervencións: 2 traxes de protección específicos para vespa velutina, 1 traxe de apicultor para actuar cando hai que protexer enxames de abellas, lanternas infravermellas, pértega extensible de 30 metros con bomba manual, escaleiras manuais, pértegas con dosificador de sprai, material de traballos en altura, ferramentas tipo motoserra, desbrozadora e serruchos.
- Daniel Rey indica que ademais contan coa colaboración da empresa de mantemento eléctrico, que proporciona o apoio loxístico a través dos guindastres.
- Os produtos químicos que se empregan para envelenar os niños son homologados para esta función “e téñense en conta os factores de risco medioambiental”.
- Estes produtos úsanse en dous formatos: sprai de longo alcance e outros diluibles para inxección con bomba manual.
- O persoal que se dedica a tarefas de eliminación de niños está formado pola AGASP, conta con titulación en manexo de fitosanitarios e dispón de inxeccións de adrenalina por se sufrise unha reacción alérxica.
- As previsións indican, según anticipa Daniel Rey, que “trala caída da folla se reciban moitos máis avisos de avistamentos de vespa velutina”.
- A planificación para as próximas datas será levar a cabo “unha campaña de trampeo en colaboración co outros axentes implicados: apicultores, poboación civil e outros servizos municipais co obxectivo de reduci-la presenza de velutina na vindeira tempada”, apunta Rey.