05/01/2022

Sala Manuel María

Cartel A Lúa vai encuberta

O venres 14 de Xaneiro, ás 20:30h. representación da obra “A LÚA VAI ENCUBERTA” gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, unha Coproducción do grupo INCENDIARIA e A QUINTA do CUADRANTE.
Sinopse:
O autor deixou unha nota no prólogo: “Esta peza teatral escribina polos anos setenta, por encargo do Grupo Teatral da Asociación Cultural Auriense, que xa representara a miña peza Unha vez foi o trebón. Comezados os ensaios, o grupo desfíxose”.
Iso deixou escrito Manuel María pero os integrantes do grupo cos que falamos non lembran ter ensaiado a obra nin que o grupo se desfixera durante os ensaios. Aseguran non lembrar que a peza fose escrita para o Auriense pero imaxinar os ensaios nos anos 70 activou en nós unha memoria que nunca puidemos consolidar.
Na procura dunha verdade oculta, a mestura de tempos e a combinación de realidade e ficción permiten identificar o descoñecemento programado da nosa historia máis recente e a consecuente falta de conciencia da identidade nacional galega.
A lúa vai encuberta é un espectáculo arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as suas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.
Incendiaria e A Quinta do Cuadrante levamos a escena o texto de
Manuel María como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes formas sociais e políticas que nos conformaron como país e, polo tanto, como persoas que o habitamos.
Espectáculo recomendado a partir dos 14 anos en adiante.
Entrada libre con invitación (Recollida na Casa da Cultura)
Organiza: Concellaría de Cultura de Barbadás.
#culturabarbadas

Cultura, Eventos

CONTENT.1730613841

SINGLE.1730613841